O Parlamento pide ao Goberno estudos sobre a protección de cetáceos

A deputada socialista Patricia Otero lamentou a "pouca capacidade de xestión que debe ter a Xunta cando todas as iniciativas que traen aquí son para instar o Goberno central".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2020 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

O Parlamento galego pediu este venres ao Ministerio de Pesca estudos exhaustivos sobre a adopción de medidas de protección de cetáceos, ao mesmo tempo que se analicen os posibles danos que cada arte de pesca pode orixinar nestas especies.

A proposta do Grupo popular saíu adiante co apoio do BNG e o rexeitamento do PSdeG. A deputada Teresa Egerique (PP) defendeu que "é moi importante diferenciar e defender a forma de pescar dos galegos" fronte a outras frotas, xa que as embarcacións de Galicia "cumpren estritamente as normas e non son tan agresivos como outros".

Así, explicou que recentemente a Comisión Europea mostrou a intención de mellorar a protección de especies como os golfiños, mentres se expedientou a España, Francia e Suecia pola súa escasa implicación para evitar mortes.

Por iso, Egerique considera que as normas e actuacións deben ser diferentes en función de cada arte de pesca e a súa interacción con estas especies. "A conselleira solicitoulle ao ministro que se realizasen xestións ante o marco decisorio europeo, co obxectivo de que a normativa de captura accidental de mamíferos e a de descartes atenda de forma específica a cada pesqueira".

A deputada socialista Patricia Otero lamentou a "pouca capacidade de xestión que debe ter a Xunta cando todas as iniciativas que traen aquí son para instar o Goberno central". Ademais, critica que se usou o procedemento de urxencia, porque esta cuestión "non é nova".

Daniel Castro (BNG) mostrouse a favor da iniciativa, pero con "matices". Considera que "urxe máis que nunca" un maior apoio económico para implementar sistemas de control como disuasores acústicos.

USO DE MÁSCARAS DE MARISCADORAS

Por outra banda, nesta comisión o Grupo popular rexeitou unha iniciativa do Bloque na que se emprazaba á Xunta a aclarar se as mariscadoras a pé deben usar máscara. A deputada nacionalista Rosana Pérez queixouse da "confusión" existente respecto diso.

A deputada popular María Elena Suárez Sarmiento dixo que a normativa laboral estipula que o uso de máscara é obrigatorio aínda que se poida manter a distancia de seguridade, tal e como está "sinalizado" en zonas de acceso de mariscadoras a pé.

Orcas. EUROPA PRESS
Orcas. EUROPA PRESS | Fonte: CIRCE - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta