O proxecto de residencia de maiores en Pontevedra cambia a súa localización respecto ao primeiro plano

A idea é que a residencia teña tan só baixo e dous andares superiores para facilitar o control e a xestión por andar, e que conte cunha parcela exterior de certas dimensións para permitir a estancia ao aire libre das persoas usuarias

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2020 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentaron este venres o novo proxecto para a residencia da terceira idade que cambia de localización respecto ao anterior. Contará con 120 prazas, 115 empregos e 12 millóns de euros de investimento.

Segundo indicou o alcalde, a nova parcela está situada na unidade 18, xunto á rúa Doce de Novembro, ten 5.000 metros cadrados e responde as características do tipo de terreo que solicita a Xunta "para un mellor aproveitamento e funcionamento posterior desta residencia pública".

A idea é que a residencia teña tan só baixo e dous andares superiores para facilitar o control e a xestión por andar, e que conte cunha parcela exterior de certas dimensións para permitir a estancia ao aire libre das persoas usuarias. O proxecto contempla 120 prazas, 115 postos de traballo, 12 millóns de euros de investimento e un prazo de execución de entre 18 e 22 meses.

Fernández Lores explicou que a anterior parcela, que estaba situada no barrio da Parda e tiña 3.000 metros cadrados, era máis irregular polo que precisaba máis pisos e non dispuña de tanta superficie exterior.

A nova localización presentouse este venres tendo en conta que finalizaron os trámites para inscribir a parcela da unidade 18 no rexistro da propiedade a nome do Concello posto que a parcela xa fora cedida á ONCE nun errado convenio urbanístico. O alcalde explicou que a ONCE renunciou a este terreo e que mediante a sinatura dun segundo convenio acaba de reverterse ao Concello, que agora o pon a disposición da Xunta para a construción da residencia pública para persoas maiores.

"Quero manifestar a miña satisfacción porque neste momento son necesarias residencias públicas e coa que está a caer cada vez é máis visible a necesidade de que as residencias teñan una certa calidade e que conten con protocolos de calidade na asistencia ás persoas maiores", declarou o alcalde. "Para nós é unha prioridade que se constrúa unha residencia pública en Pontevedra", afirmou.

"MELLORES LOCALIZACIÓNS"

Pola súa banda, a conselleira de Política Social fixo fincapé na idoneidade da nova localización "celebro que o Concello ceda unha das súas mellores localizacións para construír unha das mellores instalacións a nivel galego, nacional e internacional".

Fabiola García indicou que Pontevedra "é un dos concellos que non para crecer, cada vez ten máis xente nova e o deber das Administracións é pór máis recursos a disposición das familias dos nosos maiores alá onde vivan".

Neste momento, a Consellería está a finalizar a redacción do proxecto básico para proceder á solicitude da licenza municipal para a construción das instalacións. Segundo indicou a conselleira, a previsión é que a residencia pública comece a funcionar a mediados de lexislatura.

O futuro centro integral público de atención ás persoas maiores construirase preto do Hospital Provincial, do centro de saúde da Parda e das estacións de tren e de autobús, unha parcela cualificada polo alcalde como "a xoia da coroa".

Esta nova residencia, que a Fundación Amancio Ortega construirá na cidade do Lérez e integrarase na rede de residencias públicas da Xunta de Galicia.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista en Europa Press. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta