Borrell advirte dunha "confrontación sen precedentes" entre China e EE.UU.

Receita "unidade" en Europa para facer fronte á esta "crecente rivalidade estratéxica".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2020 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O Alto Representante da Unión Europea para Política Exterior, Josep Borrell, recetou "unidade" en Europa como mellor método para facer fronte á "crecente rivalidade estratéxica" entre China e Estados Unidos pola hexemonía mundial, un enfrontamento que, ao seu xuízo, marcará a xeopolítica xunto co futuro do continente africano.

Así o expuxo durante a súa intervención no Foro La Toja, celebrado desde o pasado xoves na illa pontevedresa da Toxa e que se clausurou este sábado cun discurso do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Antes, Borrell subiuse ao estrado para analizar o panorama actual desde o punto de vista da Unión Europea, que enfronta retos como o da pandemia, a transición enerxética e o combate do cambio climático, así como a restructuración das correlacións de forza entre potencias a nivel global.

Neste sentido, o exministro de Exteriores advertiu da existencia dunha "confrontación sen precedentes entre os estados" cunha "crecente rivalidade estratéxica" entre Estados Unidos e China. Todo iso sumado a un contexto de pandemia que ten "ao G20 paralizado, á OMC paralizada e á OMS cuestionada".

Así as cousas, puxo o acento en que unha crise sen precedentes como a actual tamén está a provocar unha resposta nova. "Estamos a entrar nun mundo descoñecido, mesmo para a teoría económica", apuntou Borrell, que sinalou que España "foi a primeira" en advertir a necesidade de "unha acción masiva e mancomunada" a nivel europeo para a pandemia que finalmente se traduciu nun Fondo de Recuperación que "supera" o volume do Plan Marshall co que os Estados Unidos financiou a reconstrución europea tras a Segunda Guerra Mundial.

Con todo, advertiu de que a economía global ten "un altísimo risco de fragmentación" porque "non todos" os países "poden dar apoio fiscal" ás súas empresas, o que pode levar a que "para moitos países emerxentes" esta sexa unha "década perdida" ante a "treboada perfecta" que supón a combinación do impacto da pandemia a nivel sanitario, o "esborralle" nos prezos das materias primas e as caídas do turismo e as "remesas de migrantes".

Trump, presidente dos Estados Unidos
Trump, presidente dos Estados Unidos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Os que venden tambores de guerra deben estar ben satisfeitos ! E logo falan das fake news ? Se estivesemos realmente diante dun Plan Marshall ninguén tería problema en valorar a solución dunha Renda Básica Universal Europea, pero polo que se vé eses 140 MM non son máis que fume e nin siquera os socios da UE están pola labor de soltar pasta ! Si esto é así a guerra non virá de China, a guerra será en Europa pola neglixencia e avaricia do Capital !