Amazon converterá a vida de Amancio Ortega en serie de televisión

Terá guión de Ángeles González-Sinde e rodarase na Coruña, Barcelona, Nova York, París e Lisboa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/10/2020 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

Amazon Prime Vídeo prepara unha serie sobre a vida de Amancio Ortega baseada na biografía escrita por Covadonga O'Shea, 'Así é Amancio Ortega. O home que creou Zara'. A serie constará de oito episodios e percorrerá a vida do fundador de Inditex desde as súas orixes ata converterse nun dos empresarios máis exitosos do mundo.

Amancio Ortega
Amancio Ortega | Fonte: Europa Press.

A ficción, aínda sen título oficial, contará con guión da gañadora do Goya e exministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, xunto con Marisol Ferrer, Mercedes Cruz e Daniela Fejerman e estará dirixida por Norberto López-Amado ('El tiempo entre costuras', 'Hernán', '3Caminos').

Segundo informa Amazon, a adaptación permanecerá fiel á biografía que, a través de conversas co propio Amancio e membros do seu círculo máis próximo, relata o percorrido do empresario galego desde as súas orixes ata a creación de Inditex.

"A súa trama porá en valor o incansable esforzo e notable sinxeleza deste personaxe cuxa visión revolucionou a industria da moda e que se converteu nun referente para España e para as escolas de negocios do mundo enteiro", explica.

"Amancio Ortega é sen dúbida o empresario español máis recoñecido internacionalmente e unha figura clave no éxito da moda española a nivel mundial cunha historia persoal incrible", declarou Ricardo Cabornero, responsable de contidos de Amazon en España. "Queremos que os membros Prime descubran non só o seu arduo traballo para conseguir o seu gran éxito empresarial, senón tamén o seu lado máis humano e menos coñecido", apuntou.

RODAXE NA CORUÑA

Producida por Ficción Producciones, coa participación CRTVG, e de FORTA, o proxecto atópase en fase de preprodución e ten previsto comezar a súa gravación nos próximos meses en diversas localizacións, entre elas A Coruña, Barcelona, Nova York, París e Lisboa.

"Fai seis anos que perseguimos como produtores e galegos o levar á pantalla a historia dun home sinxelo dotado daquilo que só teñen uns poucos. Como el mesmo di no libro de Covadonga: 'Non estiven só nisto e non merezo ningún recoñecemento máis que o do traballo e a fortuna de rodearme dos mellores'", sinala Mamen Quintas, produtora executiva da serie, quen sinala que esta repasará a vida de Ortega "desde que ten apenas 12 anos ata pasados os 70 con fascinantes compañeiros de viaxe que nos descubrirán o incansable camiño do éxito".

"Veremos unha Coruña de posguerra á que Amancio aspira achegar luz e alegría a través da moda, democratizar o bo vestir e darlle ás mulleres da época a posibilidade de vestir ben no seu desexo de incorporación ao traballo e á vida social. Esta serie era unha necesidade e agora máis que nunca", remarca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta