Feijóo avanza que se "inicia xa" o deseño dos orzamentos de 2021 e auditará os gastos propios e dos concellos pola Covid-19

A Fegamp pide un fondo para os gastos extra e Feijóo di que o apoia, pero que o do Goberno son para as "cargas" da comunidade

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/10/2020 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o Goberno galego iniciou " xa formalmente" a elaboración dos orzamentos para 2021, despois da reunión deste luns do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), na que coñeceron "algún indicio das liñas mestras" para as contas do próximo exercicio. Ademais, comprometeuse a auditar a competencia dos gastos derivados da covid-19, ante a demanda da Fegamp de máis fondos para facer fronte aos gastos derivados da pandemia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao presidente da Fegamp, Alberto Varela
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao presidente da Fegamp, Alberto Varela | Fonte: Europa Press

En días pasados, o mandatario recoñeceu que non poderían elevarse ao Parlamento as contas no prazo legal do 20 de outubro porque o Goberno galego descoñecía as cifras e criterios marco para o deseño das contas de 2021. En todo caso, Feijóo indicou que se trata dun "escenario con interrogantes aínda, mais con algunha cuestión clara".

Neste contexto tamén se concretará o fondo de cooperación local cos concellos, para o que se manterán contactos entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), como se acordou no encontro deste martes no que se reuniron representantes da Administración gakega e da federación municipal durante máis de dúas horas e media.

Na súa intervención posterior ao encontro, Feijóo reivindicou que Galicia "é a terceira comunidade que máis diñeiro incondicionado" transfire aos concellos, máis de 1.300 millóns nos últimos anos. "Pensamos que é necesario avanzar nos criterios de 2021", indicou, en relación a proxectos e "intereses compartidos" como o ciclo da auga e saneamento.

NECESIDADE DE MÁIS FONDOS

Mentres, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, confiou en que a auditoría que se comprometeu a presentar o presidente da Xunta resolva a actual situación na que están a facer fronte a gastos extra, sobre o que a Xunta non ten previsto actualmente transferir unha partida adicional.

Neste sentido, Alberto Varela indicou que os concellos "non deixarán de facer ver a necesidade imperiosa" dos municipios de contar con fondos, posto que cos recursos propios "non van poder acometer as funcións que se están encomendando". E por tanto, que ante "unha situación extraordinaria, necesitan fondos extraordinarios como o resto de administracións".

"Creo que o alcalde veu solicitar un fondo e nós trasladamos que o imos apoiar", apuntou Feijóo, quen, pola contra, indicou que as partidas pola Covid-19 que transfire o Goberno central ás comunidades son para cuestións como contratación de persoal sanitario ou rastreadores. Así, entende que os concellos terían que contar co seu propio fondo e, entre outras cuestións, saber se poden gastar os seus remanentes, dirixíndose así ao Goberno.

"Apoiaremos esta proposta, pero cada un ten bastantes cargas", esgrimiu Feijóo en referencia ás necesidades das comunidades e dos concellos. Sobre iso, indicou que "de momento", as comunidades saben que "hai que financialo con débeda pública" ao 50 por cento como mínimo.

Así, Feijóo, que pediu ao Goberno central que clarifique aos concellos o que poden gastar, mostrouse "a favor de cumprir o déficit público" e advertiu da senda "de débeda pública estratosférica e histórica" na que incorrerá o Estado.

O mandatario dixo que "apoiará" a demanda dos municipios para contar cun fondo específico. Así, dixo que "comprende" a situación dos municipios, e sostivo que o Goberno debe, en primeiro lugar, "gastar os fondos" que ten cada entidade local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta