A COVID nas aulas, as normas por encima do ensino?

O comezo de curso 2020-2021 en colexios e institutos arrincou con dificultades, primeiro coa chegada dun novo conselleiro de Educación que debe ubicarse aínda. En segundo lugar, os centros abriron as portas entre medidas de seguridade que maioritariamente deben guiar os docentes. Pais e nais de alumnos mostran a súa preocupación sobre a posibilidade de contaxio e unha volta ao confinamento ou ao ensino online.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/10/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As aulas de colexios e institutos están preparadas para afrontar a COVID? O alumnado está seguro fronte a un posible contaxio no seu centro? Non hai resposta en firme para estas preguntas. O que si hai é un case-consenso en que dependendo da localización do centro educativo e a densidade de alumnado que acolle, as posibilidades aumentan ou diminúen. Por outra banda, colectivos de pais e nais, sinalan que algunhas das medidas enumeradas pola Xunta están sendo cumpridas de maneira “rudimentaria”, sen aplicacións técnicas. Ademais, considérase grave que sexan os educadores quen exerzan de “sanitarios” e “aplicadores” das normas que a administración galega preparou para o desenvolvemento do curso escolar, e falamos dunha eventualidade tan grave como é a COVID.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. XOÁN CRESPO
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. XOÁN CRESPO


ESPAZO E SEGURIDADE

O rateo de alumnos por aula foi unha das medidas coas que máis se polemizou, coa Xunta mantendo o número de estudantes en cada espazo nun mínimo de 25 e de 30 a 35 en caso dos centros de secundaria. Antes das eleccións autonómicas de xullo, a ex-conselleira de Educación Carmen Pomar falaba da imposibilidade de desdobrar a cantidade de nenos e nenas nos colexios e centros de secundaria e FP galegos. Pomar xustificábase na falta de espazo e en que o número mínimo recollido na orde do DOG de 15 de marzo de 2013 é de 25 alumnos e que esa cifra era “legal”.

Renunciábase así a baixar o número a 15 alumnos por aula para aumentar a distancia de seguridade.  Houbo acusacións de desentendemento por parte do goberno galego por non ter investido en seguridade nos centros de cara ao comezo de curso. A preocupación de profesores e pais e nais aumentaba cada día que pasaba e se achegaba o inicio das aulas.

Non obstante, “en centros educativos públicos situados en vilas ou lugares pequenos, o rateo non é o problema, ao revés que centros con maior densidade de alumnado” di Bernardo Penabade do instituto Perdouro de Burela. Por outra parte, desde a Conderación ANPAS Galegas, Fernando Lacaci sinala outro punto polémico para este curso, “a Consellería de Educación deixa en mans dos mestres e profesores a organización de “espazos” sanitarios nos centros”, cando sería necesario contratar persoal especializado neste tipo de tarefas. “O mesmo ocorreu coa teledocencia, deixan en mans dos docentes buscar a solución”.

Instituto Eusebio da Garda
Instituto Eusebio da Garda

En momentos como os que estamos vivindo a responsabilidade ten que ser compartida” di Manuel Portas do IES Xelmírez I. “Somos profesores, non sanitarios, mais procuramos chegar ata onde chegan as normas”. Aínda así, Portas considera que as resposabilidades si son máis da das que xa tiña o profesorado. En tal caso “hai puntos que atanguen a Sanidade e o seu programa EduCovid”.

MEDIDAS CUESTIONADAS

“Durante o temporal os nenos pasaban frío nas aulas, ademais, tiñan que ir dun lugar a outro coas mochilas porque non hai taquillas” di Rosana, nai dunha alumna de 3º da ESO. A norma fala de ter ventiladas as aulas “e o que se entendeu foi abrir portas e xanelas para que circule o aire, mais non pensaron en instalar un sistema de ventilación que permita pechar as aulas” di Lacaci.

Paréceme que as prioridades educativas foron substituidas por prioridades organizativas” di Bernardo Penabade. Este profesor sinala ademais que se se volve a unha situación de teledocencia e illamento do alumnado “córtanse os vínculos do ensino coa sociedade”. O profesorado en parte, entende que os centros están pasando por unha primeira fase que pode ser temporal. “Esta primeira fase de implantación mostra unha obsesión polos protocolos en detrimento do ensino”.

A implantación de protocolos e medidas non é aínda efectiva ao 100%. “No centro onde está miña filla non hai mamparas, os recreos son partidos e ademais, cada un ten que levar o seu xel hidroalcohólico” di Rosana. Outra medida da que fala esta nai é a de “en Educación Física non lles deixan asearse porque segundo o docente, non hai tempo abondo”. A solución foi que a alumna leve toalliñas de limpeza.

Cremos que a presenza da COVID serve para reducir dereitos e formas de vida gañados en anos” analiza Fernando Lacaci. “Queren sacrificar algunhas cuestións como a hixiene dental logo de comer ou transformar os centros en búnker de entrada e saída”. O portavoz de Confederación de ANPAS Galegas, cre que se está evidenciando unha completa falta de dirección por parte da Consellería de Educación. “Espero que isto non dure todo o curso porque, senón, onde queda o ensinar?” di Bernardo Penabade.

O curso que se presenta por diante é atípico, con aulas que ven reducido o seu tempo de 50 minutos a 35 por seguiren os protocolos. Isto é sinal de que os contidos educativos estarán supeditados ás medidas hixiénico-sanitarias. Mais ditas medidas é posible que non podan impedir a aparición de contaxios por COVID durante o curso. E mentres a Consellería anunciaba o mércores 6 de outubro investimentos superiores aos 100 millóns de euros en centros educativos, entre outras cousas, en seguridade fronte a pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Lamentablemente nada novo... as normas e protocolos das distintas leis educativas xa levan anos (moitos anos) por riba da calidade educativa ! As ANPAS que agora están cabreadas co Conselleiro Román (e con Feijoo) seguro que ao final do curso aplauden coas orellas ás decisións da ministra Celáa : a avaliación final faráse baixo mínimos curriculares e de xeito COLEXIADO (así esta muller que vive en Neguri conseguirá en 2 anos mellorar o nivel de fracaso escolar baixándoo a un 12% grazas ás manga ancha á hora de avaliar os coñecementos do alumnado!) Lista como un allo !!! Pero se queremos que o ensino estea por riba dos protocolos covid, case mellor facerlle chegar aos rapaces estes 33 vídeos que forman o Diccionario Filosófico da Covid-19 // https://www.youtube.com/playlist?li... Saúde e Boa Fortuna ! A ver como remata a ponte do Pilar ? En vermello ?