Familias de alumnado con necesidades específicas sinalan como "discriminatorio" o protocolo de Educación

A asociación móstrase preocupada polo punto no que "se autoriza á creación de unidades de educación especial en centros ordinarios para agrupar nelas ao alumnado con diversidade funcional ou trastornos graves de conduta".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2020 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

A plataforma de familias de alumnos con necesidades específicas de apoio educativo Dereitos, Non Parches critica o documento da Consellería de Educación en relación con como previr o contaxio da covid-19 entre estes estudantes por "discriminatorio, ineficiente, incompleto e contraditorio".

O documento foi publicado o pasado 23 de setembro e a organización asegura que "non achega solucións aos problemas provocados pola situación de pandemia no contexto educativo". Pola contra, advirte de que "promove a asunción de medidas profundamente discriminatorias".

A asociación móstrase preocupada polo punto no que "se autoriza á creación de unidades de educación especial en centros ordinarios para agrupar nelas ao alumnado con diversidade funcional ou trastornos graves de conduta".

Esta medida, á que non atopan "xustificación sanitaria de ningún tipo", afirman que é "contraria" ao artigo 24 da Convención de Dereitos das Persoas con Discapacidade, un convenio das Nacións Unidas que España ratificou en 2008.

E engade a plataforma que a creación deste tipo de aulas "non é unha decisión que se poida delegar na autonomía dos centros en función de criterios organizativos, como dá a entender o protocolo".

Nun modelo de instancia dirixido ao conselleiro e que xa foi presentado ante a administración por organizacións como Fegadah, Foanpas, Asperga, Atelga, Apamp, Andaina, Dismacor e Teavi, estas familias profundan en "outras carencias" do protocolo.

Por todo iso, as familias e as asociacións piden a retirada "inmediata" do documento e de non obter resposta non descartan elevar as súas reclamacións á Valedora do Pobo. ANPA DE SAR

Pola súa banda, a ANPA de Sar traslada o seu apoio ás reclamacións da dirección do Instituto de Sar para a contratación de máis persoal de limpeza. "Neste momento que estamos a vivir coa covid-19, faise máis necesaria e imprescindible", incide.

Con base na súa superficie e a normativa en vigor, considera que ao centro correspóndenlle dúas persoas a tempo completo e unha a media xornada para a limpeza dos edificios do instituto en horario de 8,30 a 15,30 horas.

Ademais, agrega que polas tardes compártese espazo coa sección oficial da escola de idiomas, cuns 600 alumnos matriculados "e sen ningún tipo de persoal de limpeza asignado".

"Ese persoal é insuficiente para poder garantir a seguridade do alumnado, profesorado e persoal que forman parte da comunidade educativa", conclúe.

Alumnos. UDL - Arquivo
Alumnos. UDL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta