Os contaxios en Ourense son cinco veces superiores á media de Galicia

Sanidade ve "alto risco" na evolución da Covid en comarcas da provincia ourensá, polo que xustifica as reunións só de convivientes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2020 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

A limitación de mobilidade nos municipios de Ourense e Barbadás, restrinxida desde este xoves ao termo municipal para frear o avance do Covid-19, pretende "controlar a transmisión da enfermidade e conter a irradiación a outros concellos" desta e outras comarcas, "que se detecta".

Así o explica a Consellería de Sanidade na orde publicada este mércores pola noite tras a recomendación do comité clínico en función da evolución epidemiolóxica na provincia de Ourense, que puxo "de manifesto a necesidade de adoptar medidas máis restritivas en determinados aspectos" nos concellos das comarcas de Ourense, Verín e Valdeorras nos que se están aplicando medidas específicas --Ourense, Verín e O Barco-- e "acordar medidas específicas" para todos os concellos das citadas comarcas, así como das do Carballiño, Ribeiro e Allariz-Maceda.

En concreto, destaca que o concello de Ourense "presenta unha incidencia cinco veces superior á de Galicia" e o municipio de Barbadás "tamén presenta unha taxa elevada". A iso suma que outras localidades da comarca "tamén presentan taxas elevadas que foron aumentando ao longo do brote" que, subliña Sanidade, "non está baixo control, senón todo o contrario".

"Atendendo ao aumento da incidencia e o número de brotes entre familiares e amigos que se están dando no concello de Ourense e na comarca, parece que, polo de agora, non se está freando a transmisión", destaca Sanidade, que puntualiza que o aumento da incidencia a tres, sete e 14 días na comarca e a situación dos indicadores "todos no alto risco", fan "pensar que a situación non está baixo control".

Así mesmo, incide en que se "observa o que parece unha irradiación de caos desde o concello de Ourense aos concellos veciños, especialmente ao de Barbadás e tamén a municipios doutras comarcas". Por iso, "recoméndase estender as restricións que actualmente se están aplicando en determinadas rúas da cidade de Ourense" e a "adopción dunha medida adicional, co fin de controlar a irradiación de casos a outros concellos da comarca, consistente na restrición da mobilidade no ámbito territorial delimitado de forma conxunta por ambos os concellos".

"ALTO RISCO"

Así mesmo, con motivo do "alto risco en toda a comarca de Ourense", recoméndase a adopción de "medidas de prevención específicas", sinala Sanidade, "aínda que menos restritivas que as previstas para os concellos de Ourense e Barbadás", nos demais municipios da comarca: Amoeiro, Coles, Esgos, Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén e Vilamarín.

Estas consisten, puntualiza Sanidade, en "limitacións de agrupacións de persoas, peche de festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feira e limitacións de capacidade".

Unha rúa de Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press
Unha rúa de Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta