Nove sindicatos reclaman o "cesamento inmediato" do xerente da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés

Piden tamén que se cese a todo o seu equipo por "pésima" xestión da pandemia. O PSdeG denuncia a "xestión caótica" no brote do hospital de Pontevedra e leva o caso ao Parlamento

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 08/10/2020 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

As agrupacións sindicais CIG, CSIF, CCOO, UXT, TSP, SATSE reclamaron este xoves á Consellería de Sanidade o "cesamento inmediato" do xerente da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez e do seu equipo directivo. Esta demanda súmanse á que PROSAGAP, COBAS E CEMS realizaron este mércores en senllas concentracións celebradas ante o Provincial e o Montecelo.

José Ramón Gómez Fernández, nunha reunión con representantes do PP do Grove
José Ramón Gómez Fernández, nunha reunión con representantes do PP do Grove | Fonte: PP.

Os sindicatos acusaron a Xerencia de "non dicir a verdade" cos datos oficiais que cada día ofrece a área Sanitaria. Ademais cualificaron como "pésima" a súa xestión da pandemia, coa que consideran que "puxo en perigo aos traballadores e aos pacientes".

Por unha banda referíronse á utilización de xeles hidroalcohólicos caducados e máscaras sen protección real, e tamén ao gromo detectado no servizo de urxencias do Montecelo que afecta xa a 9 traballadores, entre médicos e persoal de enfermaría.

Os portavoces sindicais difundiron o contido dunha sentenza firme do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra, do 25 de agosto, que lles dá a razón na aprobación do regulamento orgánico deste órgano de representación.

Os cambios no regulamento, en novembro de 2017, foran recorridos pola Agrupación Sindical de Profesionais da Saúde de Galicia (Prosagal), hoxe en día fusionada en Prosagap, orixinando un enfrontamento no seo a xunta de persoal e unha forte división sindical que aínda se mantén a día de hoxe.

PSDEG

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, presentou unha serie de iniciativas na Cámara galega ante a "xestión caótica e nefasta" do gromo do coronavirus no Hospital Montecelo de Pontevedra. Así, acusou á Consellería de Sanidade de permitir que dous profesionais de medicina continuasen traballando á espera dos resultados da PCR, que resultou positiva.

Torrado responsabilizou a Sanidade de "expor á poboación de Pontevedra a un risco gravísimo e absolutamente innecesario" ao "obrigar" a profesionais a continuar traballando, aínda que coa "sospeita de estar contaxiadas e enfermas". E, por tanto, "expondo a posibles contaxios á poboación que acudía ao hospital.

O responsable socialista esixiu ao Goberno galego que "clarifique quen e por que tomou a decisión de obrigar a traballar a dúas persoas á espera do resultado das PCR", así como que expliquen "se esta decisión recibiu algunha validación clínica".

Ademais, pide á Xunta que explique se existe "algún protocolo escrito, validado e publicado sobre os procesos a desenvolver no caso de sospeita de contaxio de covid-19 entre os profesionais sanitarios".

Ademais, os socialistas reclamaron á Xunta "automatizar o procedemento" para que "sexa realizada o máis axiña posible" a proba necesaria para contrastar o posible contaxio por covid-19 no caso dos profesionais sospeitosos de estar contaxiados e garantir que non se traballen no centro sanitario ata que reciban os resultados das probas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta