A covid rebenta o mercado inmobiliario: a compravenda de vivendas encadea seis meses de baixada

Volve baixar un 13,9% en agosto en Galicia, algo máis que a media estatal.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/10/2020 | Actualizada ás 10:26

Comparte esta noticia

A compravenda de vivendas baixou un 13,9% en agosto en Galicia en relación co mesmo mes do ano anterior, algo máis que a media (-12,1%), ata situar o total en 1.094 operacións, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).

En termos absolutos, este dato supón un lixeiro descenso respecto ao de xullo (cando se venderon 1.135 vivendas en Galicia), pero mellora as cifras de abril (910), maio (861) e xuño (849), os tres meses posteriores á declaración do estado de alarma.

En xaneiro, febreiro e marzo, o volume total de vivendas que se compraron na comunidade superaba as 1.300 (1.552 en xaneiro, 1.464 en febreiro e 1.324 en marzo). Na comparativa anual, Galicia acumula reducións neste indicador desde marzo, seis diminucións consecutivas, xusto desde que estalou a crise sanitaria co estado de alarma.

En calquera caso, a caída interanual de agosto é inferior á de xullo, cando as 1.135 compravendas de vivendas supuñan un 24,33% menos que no mesmo período do ano anterior.

CAE O TOTAL

En total, a comunidade rexistrou 7.640 transmisións de leiras inscritas nos rexistros, o que supón un 7,2% menos que en agosto de 2019 e 350 operacións por cada 100.000 habitantes. O cociente da compravenda de vivendas quedou en 50 por cada 100.000.

Esas 7.640 operacións repartíronse entre 2.877 leiras rústicas ( 767 compravendas, 32 doazóns, 23 permutas, 859 herdanzas e 1.196 doutro tipo) e as restantes, que eran de carácter urbano: 2.503 vivendas, 149 solares e 2.111 doutra clase.

No conxunto estatal, a compravenda de vivendas retrocedeu un 12,1% o pasado mes de agosto en relación ao mesmo mes de 2019, ata sumar 31.394 operacións, a súa segunda maior cifra, tras a de xullo, desde que se declarou a pandemia da covid-19.

Variación da compravenda de vivendas por provincias. EPDATA
Variación da compravenda de vivendas por provincias. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta