A Xunta non aclara como accedeu La Voz a un informe secreto de Sanidade polo que obriga a pagar

O goberno galego, a diferenza do resto de CCAA, explicou que non desvelaría os datos de contaxio en cada concello para “non estigmatizar”. Porén, La Voz de Galicia leva días publicando esas mesmas cifras pero só son accesibles se se paga.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Pende unha nova sombra sobre a Xunta de Galicia. Nas últimas semanas véñense sucedendo episodios de críticas á xestión da comunicación feita polo goberno de Núñez Feijóo por parte de diversos actores. O último capítulo desta polémica suma razóns ás protestas e pon sobre a mesa outro tema espiñento: a estreita relación entre o goberno do PP e La Voz de Galicia.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa do Consello da Xunta celebrado o 1 de outubro de 2020. DAVID CABEZÓN
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa do Consello da Xunta celebrado o 1 de outubro de 2020. DAVID CABEZÓN | Fonte: XUNTA

Os primeiros ataques ó “ocultismo” da administración Feijóo viñeron da man da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, á que logo se uniría o Colexio de Xornalistas e a CIG-Ensino. O principal motivo das críticas era que, ata o momento, a Xunta negárase a publicar unha serie de datos sobre a covid que permitirían seguir de cerca a pandemia. Entre eles estaban o número de novos casos, o tipo de test polo que foron detectados ou a incidencia do virus nos distintos concellos.

A “falta de transparencia” denunciada contrasta claramente coa actitude da maior parte de autonomías do Estado, que si fan públicos datos desagregados da covid. Xunto con Galicia, tan só Aragón mantén oculto este dato, que evidentemente xoga un papel fundamental á hora de decidir restricións sanitarias. Porén, o Presidente Núñez Feijóo subliñou que Galicia non publicaría os datos de contaxios por concellos porque resultaba “estigmatizante” para aqueles municipios con alto nivel de positivos. A sorpresa de moitos chegou cando La Voz de Galicia comezou a publicar as mesmas cifras que a Xunta quería preservar ocultas.

UN INFORME OFICIAL OCULTO

A información empregada por La Voz, en liña dende polo menos o sábado 3, procede dun “informe oficial” elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, tal e como recoñecía o propio xornal no artigo en cuestión. A cuestión principal é que a peza, no canto de ser de acceso libre, foi publicada baixo acceso restrinxido a subscritores; é dicir, de pago. A situación provocou unha vaga de críticas ás que se sumou o alcalde de Ribadeo Fernando Suárez (BNG).

As presións continuadas de diversos organismos veñen de obrigar á Xunta a dar un cambio de rumbo na súa política comunicativa. Así, a administración Feijóo anunciaba que desde este venres xa se pode ver un mapa covid moi semellante ó que vén publicando de La Voz. Con todo, o documento aloxado na web do Sergas para a covid, tal e como informou Galicia Confidencial, non achega nova información  máis alá da que dá diariamente a Consellería. Noutras palabras: as cifras de contaxiados por concellos seguirán sendo monopolio de La Voz.

SEN RESPOSTA DA CONSELLERIA

Galicia Confidencial tentou contactar en diversas ocasións coa Consellería de Sanidade para coñecer en que circunstancias accedeu La Voz a un informe que, ata a xornada do venres, permanecía secreto. Neste aspecto, o GC inquiriu á Consellería se a suposta filtración foi un ofrecemento do goberno de Feijóo ou se, pola contra, derivou dunha petición do xornal.

De xeito semellante, este medio interesouse polas razóns da Xunta de Galicia para non ofrecer a información en cuestión ó resto de medios. Igualmente, preguntóuselle ós responsables da Consellería de Sanidade se eran coñecedores de que La Voz estaba a cobrar polo acceso a datos que outras autonomías ofrecen en aberto. No momento da publicación desta peza non houbo resposta por parte da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Lad

Que casualidade! Na Coz de Fachicia e para clientes premium.

2 Gamela

Carmela Silva e o alcalde de Ribadeo son uns fenómenos privatizando PATRIMONIO ! https://twitter.com/00Gamela/status... Cousas veredes...

1 Gomel

Gamela, meter esta ligazón nesta nova é, ademais de patético, propio dun resentido. Non é preciso que me contestes, basta con que continúes contestándote a ti mesmo. Síntocho ben. Boa finde!

2 Gamela

é logo, es o propietario do Hotel da Illa Pancha ou es igual a Carmela Silva que agora vive nun chalet fabuloso na illa de Toralla e esqueceu abrir a illa ao público ? Será que cando se chega a ter poder todos queren vivir nun Galapagar ? Será... (nin patético nin resentido) simplemente REAL coma vida mesma ! https://flic.kr/p/fcf84J

1 Gamela

Nin houbo nin haberá resposta por parte da Xunta de Galicia ! Como veño denunciando dende hai meses os "muros de pago" están a eliminar o DEREITO Á INFORMACIÓN (e agora resulta que os que máis información ocultan nos seus municipios (Vigo e Ribadeo) cabreanse porque os datos están pechados na Voz de Galicia?) // A ver se podedes atopar os "plenos do Concello de Vigo" ou o motivo por que o alcalde de Ribadeo ten pechada a porta da Illa Pancha ! Seica os que levamos meses falando do asunto somo idiotas (conspiranoicos din algúns) pero a REALIDADE é moi TOZUDA ! Benvidos ao novo mundo onde os ricos poden facer o que queiran e os pobres nin dereito ao xornal que subvenciona a Xunta de Feijoo !!! https://i.gal/gamela22