Allariz celebra un 'Poemagosto' adaptado á Covid

A 7ª edición do 'Festival Internacional de Poesía en Allariz' celebrarase este sábado 10 de outubro, de maneira excepcional nunha única xornada e dividido en tres actos poético-musicais.

Por X.M. Fernández | Allariz | 09/10/2020 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

O 'Poemagosto 2020' resiste ás dificultades da pandemia e celebrarase coidando moito as medidas sanitarias e de seguridade que prescribe a normativa actual sobre actos culturais. Todos os eventos programados celebraranse ao aire libre, no recinto do Festival Internacional de Xardíns (patio do Museo do Coiro en caso de choiva) e con capacidade limitada de público.

Cartel
Cartel

A entrada será de balde e restrinxida ás persoas que realicen a reserva previa obrigatoria, podendo facela a través do correo poemagosto@gmail.com indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto, os actos que desexa reservar e se quere retirar unha "Entrada Solidaria". Esta opción contémplase para quen queira colaborar co festival aportando 5 € e inclúe, ademais da reserva, unha camiseta do Poemagosto.

O festival, que terá lugar o sábado 10 de outubro, inaugurarase co primeiro acto ás 12:00h, e alternará as lecturas de poesía do elenco de poetas participantes e a música do grupo Son Trío.

O segundo acto, ás 18:00h, seguirá a mesma estrutura, co acompañamento musical do grupo Terra Morena.

O 7º Poemagosto pechará a xornada cun concerto musical que comezará ás 20:30h e contará coas intervencións de Xosé Luís Rivas ‘Mini’ (membro dos míticos grupos Fuxan os Ventos e A Quenlla) e o grupo Trilitrate, un trío que mestura diferentes estilos musicais como jazz, étnica, a improvisación libre ou o hardcore, e que incorpora a vídeo-proxección en directo dunha artista visual.

A formación 'Son Trío', participante nun dos actos. Foto: Org. Poemagosto
A formación 'Son Trío', participante nun dos actos. Foto: Org. Poemagosto

Poetas desta 7ª edición: Moncho Iglesias Míguez, Charo Lopes, Antón Reixa, Baldo Ramos e Andrea Nunes Brións (dende Galiza), Sofía Castañón (Asturies), Raquel Lima (Portugal) e Abdul Hadi Sadoun (Irak).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta