Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/10/2020 | Actualizada ás 18:32
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, subliñou que a día de hoxe están postos en marcha un total de 44 proxectos de 'aldeas modelo', en diferentes etapas ou fase de execución.
Segundo informou en comisión a preguntas da deputada popular Elena Candia, xa están declaradas 12, das cales tres están en fase de finalización de execución: Osmo (Cenlle), destinada á produción de porco celta en ecolóxico que estará finalizada neste mes de outubro; e as de Trascastro (O Incio) e Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), que se destinarán á produción de vacún de carne autóctona en ecolóxico e estarán listas a finais deste ano.
En canto aos outros nove proxectos xa declarados, explicou que xa se completou a roza e limpeza en todo o seu perímetro, excepto na aldea de Meixide (A Veiga) por decretarse aínda o pasado 22 de setembro.
Nestas iniciativas, segundo sinalou, introduciranse cabras ou ovellas en pastoreo co fin de garantir o mantemento preventivo destes perímetros dunha forma natural, ecolóxica e produtiva.
Dos 32 proxectos restantes, nove están en fase de recollida de firmas e outras 23 en fases iniciais, de estudo previo ou determinación de perímetro.
MERCADOS LOCAIS
Por outra banda, na mesma comisión, a cuestións do nacionalista Xosé Luís Rivas 'Mini', o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, defendeu o apoio aos pequenos produtores e mercados locais "durante e despois da emerxencia sanitaria".
Ante as críticas do parlamentario do BNG, replicou que foi o Goberno central o que prohibiu a actividade deste tipo de mercados de proximidade a través dun real decreto.
"Consciente da situación", agregou, a Consellería de Medio Rural creou a canle alternativa Mercaproximidade para dar saída aos produtos destes profesionais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.