O BNG denuncia na Comisión Europa "vulneracións da normativa comunitaria" na mina de Santa Comba

A eurodeputada Ana Miranda critica que o Goberno galego "impide sistematicamente o acceso á información ambiental sobre esta mina".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/10/2020 | Actualizada ás 19:51

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denunciou na Comisión Europea que o Goberno galego permite "vulneracións da normativa comunitaria" na mina que se sitúa no municipio coruñés de Santa Comba.

Ana Miranda
Ana Miranda | Fonte: Remitida.

"Temos que denunciar que o Goberno galego fai a vista gorda coa minaría de Galicia mesmo incumprindo requisitos de protección ambiental e internacionais", sinalou.

Miranda explicou que a pesar da existencia de informes que indican que a mina de Santa Comba --pechada en 1986 e cuxa concesión debía vencer en 2008-- debería contar coa avaliación de impacto ambiental, asegurou que a Xunta permitiu que dúas empresas adquirisen a concesión e aprobasen os proxectos "ignorando as directivas comunitarias".

"Pero non só atopamos vulneracións normativas sobre a ausencia de avaliación do impacto ambiental, senón tamén sobre a participación pública", sinalou para cualificar de "inadmisible" que o Goberno galego "impida sistematicamente o acceso á información ambiental sobre esta mina".

De feito, sostivo que "se viola a Convención de Aarhus e a Decisión do Consello do 17 de febreiro de 2005 sobre o acceso á información, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza en materia de medio ambiente".

Ante iso, Ana Miranda considera que a Comisión Europea debe pedir explicacións á Xunta sobre o desenvolvemento deste proxecto e o incumprimento da normativa comunitaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta