O BNG lembra os mártires de Nebra en Porto do Son como "referencia para contribuír a avanzar na sociedade"

Rosana Pérez avisa que, ante o reto da recuperación tras a COVID-19, o Bloque "seguirá facendo fronte" ás políticas "que queren relegar" Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/10/2020 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

O BNG celebrou este luns en Porto do Son (A Coruña) un acto en conmemoración dos chamados 'mártires de Nebra', os cinco labregos que foron asasinados pola Garda Civil o 12 de outubro de 1916 durante unha protesta contra a suba de impostos e aos que os nacionalistas consideran "referencia para contribuír a avanzar na sociedade".

Homenaxe do BNG en recordo dos 'mártires de Nebra'.. BNG
Homenaxe do BNG en recordo dos 'mártires de Nebra'.. BNG | Fonte: Europa Press

No evento, organizado na parroquia de Nebra, participaron decenas de persoas, entre elas a deputada autonómica do Bloque Rosana Pérez, o portavoz municipal da formación, Balbino González, e Santiago Suárez, un dos impulsores do recoñecemento histórico dos 'mártires'.

En palabras de Rosana Pérez, o BNG participa cada 12 de outubro neste acto "para facer memoria", porque aquela mobilización de 1916 na que morreron catro mulleres e un home, xunto a outras 32 persoas feridas, "foi un acto de valentía e rebeldía ao levantarse contra as inxustizas e a imposición da forza", polo que serven "de referencia".

Ademais, a parlamentaria fixo un paralelismo entre o ocorrido hai máis dun século e o "espolio" do Pazo de Meirás e a loita na xustiza para que volva ao patrimonio público: "Cambiamos non só desde as institucións, tamén cun acompañamento popular moi importante".

"VANNOS TER EN FRONTE"

Pérez tamén fixo referencia ao reto da recuperación socioeconómica tras a pandemia do coronavirus, no que avanzou que o BNG "seguirá facéndolle fronte ás políticas que queren relegar" Galicia para que "sexa secundaria e minorizada".

"Se os proxectos que van querer desenvolver PP e PSOE teñen as mesmas características que os anteriores --lembrou a crise do 2008--, vannos ter en fronte, posto que aspiramos a manter e a crear máis industria, a fortalecer os servizos públicos tan minguados, precisamente por mor das súas políticas, e a ter expectativas de futuro como país", abordou.

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG en Porto do Son, Balbino González, destacou que coa homenaxe deste luns o partido "quere manter vivo" o recordo de Francisca Carou, Antonio Sobrado, Ramona Suárez, Xenerosa Vidal e Rosa Cadórniga, os cinco asasinados.

Así mesmo, González denunciou que "tamén foron condenados ao esquecemento" polo "silencio" das institucións durante décadas, xa que os sindicatos que apoiaron a protesta mesmo foron disoltos. Anos despois, en 1931, o histórico galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, no álbum 'Nós', dedicáballes unha ilustración no seu recordo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 nostrus

Estes feitos desde logo son condenables e temos que loitar para que non volvan suceder, pero ninguén dos que vivimos a dia de hoxe somos responsables do que aconteceu hai mais de cen anos e por eso non vexo que teña bloque que meter a nariz apropiandose da memoria destes feitos, a non ser que pretenda que lle den unha indemnizacion que a eles non lle corresponde. Tan noxenta resulta a bandeira do bloque neste acto como outra calquera de calquer partido. El BNGe es un buitre carroñero que no repara en mantener el dolor social con el único fin de dar la nota