Bugallo descarta que os datos de Santiago, en alerta máxima, abran a porta ao confinamento

Destaca que "estamos no momento en que [a transmisión] se pode cortar".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/10/2020 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, afirmou que a cidade non se atopa "para nada", a tenor dos datos, en "ese escenario", en alusión á posibilidade de que se decrete o confinamento perimetral da capital galega. En calquera caso, afirmou que o Concello compostelán, que entrou no nivel máximo de alerta nas últimas horas, estará "ao que decida" o comité clínico, que se reúne na tarde deste martes.

"Estamos no momento en que iso se pode cortar", advertiu, en referencia á evolución dos últimos días, cun aumento de contaxios co "foco" na poboación universitaria. Ademais, avisou de que "un só" estudante foi o que provocou parte dos contaxios. O rexedor reiterou que o Consistorio estuda fórmulas para habilitar sancións superiores aos 200 euros para as festas en pisos, cunha cifra "non moi favorable" na semana pasada ao redor de 60.

Tras falar co reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) esta mañá, Bugallo dixo que lle parece "moi ben calquera medida que se aplique" a persoas "que demostren non ter a responsabilidade suficiente", a preguntas sobre os trámites da universidade salmantina para a expulsión do alumnado que participou nunha festa.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CAPTURA
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CAPTURA | Fonte: Europa Press

"MOI LONXE"

Para xustificar que non ve a Santiago no escenario de que haxa que ditaminar o peche perimetral da cidade, Sánchez Bugallo referiu os datos que a sitúan "moi lonxe" dos criterios determinados polo Ministerio de Sanidade, tanto en casos como en ocupación da UCI e porcentaxe de positivos.

"Non se dá ningún para que se decrete o confinamento de Santiago a día de hoxe. No futuro xa veremos", dixo. Pola súa banda, non se atreveu "a anticipar se o comité proporá algunha medida" este martes, e "se é así" avanzou que estará "ao que propoña".

Sobre o paso ao nivel tres de alerta, recoñeceu que non é algo que lle "sorprenda", posto que "efectivamente" estaba "preocupado" e "xusto" falou diso o pasado venres.

Con todo, incidiu en que lle preocupa máis "a evolución que os datos en si", tamén no ámbito específico da universidade, pois "42 casos non é unha cifra que resulte alarmante, pero si preocupante a evolución dos casos e o crecemento no últimos sete ou oito días e a evolución do próximos catro días".

E é que, segundo constatou, "en realidade os diagnosticados de hoxe son en boa medida os contaxios de hai unha semana" e os do xoves e o venres pasado coñeceranse ao longo desta semana.

Coa "preocupación principal" vinculada á universidade, o alcalde reiterou que "se van sancionar todas as festas en pisos", xa que "as infeccións están a producirse fóra do horario lectivo".

Co reitor, agregou, "vaise ver que se pode facer conxuntamente" co ánimo de concienciar aos estudantes. Segundo precisou, dos 42 casos da última semana, 39 déronse entre estudantes.

Neste contexto, asegurou que "se se logra esta semana estabilizar a cifra de contaxios e reducir os novos e estabilizar os casos totais, estarase nun escenario razoable". "Se non fose así, estamos nun escenario moi preocupante", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta