A Xunta aposta por "combinar formatos presenciais e dixitais" nas actividades culturais

Anxo Lorenzo agarda que "a volta á cultura presencial se faga sen rancor".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2020 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, apostou por "combinar formatos presenciais e dixitais" na celebración de actividades culturais, así como por incentivar o consumo destes produtos dada a pandemia da COVID-19. Tras ser preguntado este martes na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego, Anxo Lorenzo incidiu na importancia de fomentar a transformación dixital no sector desde "operadores públicos e privados".

En concreto, o deputado do PPdeG Borja Verea interrogou a Lorenzo para coñecer as iniciativas desenvolvidas pola Xunta para promover actividades culturais seguras e o acceso ás mesmas neste contexto sanitario.

Así, Verea remarcou que a situación actual presenta "un reto de gran complexidade", garantir "a saúde pública sen renunciar á cultura", e lembrou que no sector traballan 30.000 profesionais. Ademais, o deputado autonómico 'popular' valorou que o Goberno galego optase por non paralizar a actividade cultural.

PLAN DE REACTIVACIÓN

A ese respecto, Anxo Lorenzo resaltou o plan de reactivación cultural desenvolvido pola Xunta e apuntou que se baseou nunha aposta polas actividades presenciais que permitiu a celebración de "case 4.500 accións".

Tamén detallou que o 80% das iniciativas previstas realizáronse ou se atopan en marcha e indicou que se executaron 20 dos 26 millóns de euros consignados para o plan. Deste xeito, o director xeral de Políticas Culturais recalcou "o apoio (prestado) ás artes escénicas e a música con máis de 1.100 actividades" e incidiu no "esforzo" que levou reprogramar distintas accións debido á pandemia.

TRANSFORMACIÓN DIXITAL

De cara ao futuro, explicou que, aínda que parecía que "a experiencia dixital quedaba atrás" coa finalización do confinamento, evidenciouse "a necesidade de novos formatos que combinen o dixital con presencial" e dunha transformación dixital. Así, reivindicou a importancia do desenvolvemento de novos proxectos "a medio e longo prazo" por parte de "operadores públicos e privados".

Neste sentido, Lorenzo concretou que o plan autonómico para o sector inclúe unha campaña "para que a volta á cultura presencial se faga sen rancor" e "coa necesaria implicación do estímulo no consumo". Deste xeito, precisou que estas liñas de traballo buscarán evitar unha afectación na demanda durante o período do Nadal.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura | Fonte: cultura.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta