Reaccións intervención de Alcoa: O BNG pide a "nacionalización inmediata" de Alcoa

A Xunta di que "aínda habería oportunidades de acordo con Alcoa". A alcaldesa de Lugo condena a actitude da empresa, á que acusa de actuar de mala fe. Ciudadanos avoga por buscar as "ferramentas xurídicas necesarias" para salvar os empregos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanza unha ofensiva institucional no Parlamento galego e o Congreso para conseguir a nacionalización de Alcoa San Cibrao, despois de que a empresa decidise executar o ERE de 524 traballadores da planta de aluminio.

Este martes, Pontón reuniuse na fábrica de San Cibrao, en Cervo, cos traballadores de Alcoa, onde reclamou á Xunta e Goberno "altura de miras" para nacionalizar a fábrica de forma inmediata. "A política industrial de Galicia non a pode decidir unha multinacional nos xulgados", avisa.

Esta mesma xornada, o Bloque conseguiu o apoio no Congreso á súa iniciativa para a intervención da factoría. "Estamos a pór en marcha unha ofensiva institucional para salvar o emprego que ten como primeiro paso ese logro de que, grazas á iniciativa do BNG, o Congreso pida por primeira vez a intervención pública da fábrica da Mariña", resalta.

Ana Pontón reúnese con traballadores de Alcoa. BNG
Ana Pontón reúnese con traballadores de Alcoa. BNG

FRANCISCO CONDE

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, considera que a impugnación do ERE presentado por Alcoa na súa planta de aluminio de San Cibrao supón o "primeiro paso" para garantir a viabilidade da planta e o emprego.

Este martes, reuníronse representantes dos sindicatos coa xefatura territorial de Emprego de Lugo para preparar a presentación da impugnación ao ERE en próximos días. A este respecto, Conde sinalou que "hai motivos suficientes" para que o xulgado dea a razón aos traballadores, mentres avoga por presentar "medidas cautelares" para que Alcoa non pare as cubas, o que considera "absolutamente determinante" para garantir o futuro da planta.

Preguntado por se se traballa na intervención máis aló da impugnación xudicial, Conde sinalou que son "vías paralelas" e que son "compatible". Con todo, asegura: "Entendemos que aínda habería oportunidades de establecer un acordo con Alcoa", pero, "se non é así" se traballa noutras opcións, "chegando mesmo se fose necesario á intervención".

ALCALDESA DE LUGO

A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez, condenou a "actitude de Alcoa" á que acusa de actuar de "mala fe", no proceso de venda e de mantemento dos máis de 1.100 postos de traballo da factoría de San Cibrao.

Méndez defendeu que "hai que darlle unha solución". "Estamos a falar dunha industria tremendamente importante xa non só na Mariña, na provincia ou en Galicia, senón para España, dado que é a única industria" que produce aluminio, indicou.

A rexedora apelou á necesidade de "buscar unha solución" e subliñou que as administracións deben implicarse "para poder manter a factoría e manter así os postos de traballo, e a riqueza que xera".

Interpelada sobre cal sería a mellor "fórmula xurídica", a alcaldesa de Lugo, orixinaria de Cervo, recoñeceu non saber cal podería ser a vía "máis factible" das que se comentan: unha intervención, unha expropiación ou a nacionalización.

CIUDADANOS

A portavoz de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino, avogou por buscar as "ferramentas xurídicas necesarias" para salvar os empregos das instalacións de Alcoa. 

Pîno quixo sinalar que unha "intervención temporal" pode asumirse como último recurso mentres se buscan a solución e as ferramentas xurídicas para salvar empregos.

Por último, pediu ao Goberno central e Xunta que tomen as medidas que sexan necesarias para garantir a continuidade da actividade de Alcoa. "Son máis de 500 postos de traballo que están en xogo e moitas familias que dependen destes ingresos", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta