Temas: FRASEOLOXíA

“Quen ten (o) rabo de palla sempre pensa que llo queiman”, equivalente, entre outras, á castelá “quien se pica ajos come”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 18/10/2020 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Naquelas situacións en que se está a falar dun vicio, mácula ou defecto a nivel xeral, ou ben dunha falcatruada ou erro que cometeu algunha persoa, e de socate alguén salta á palestra ó se dar por aludido, en castelán, para chuzar ou facer referencia á persoa que se dá por aludida, adóitase botar man da paremia quien se pica ajos come.

Alpacas de palla
Alpacas de palla

En galego, alén da paremia correspondentes a esta castelá, temos outras moi usadas que fan referencia ó rabo de palla, locución esta que en portugués –e tal e como se poderá observar, gardando estreitísima relación co tema do que estamos a tratar–denota “mácula na honra, na reputação” (Dicionario Houaiss da língua portuguesa); “mancha na reputação” (Infopédia); “mancha na reputação; motivo de censura” (Dicionário Priberam); etc... E que tamén incluso en castelán, ou cando menos no castelán de certas zonas, presenta un significado igualmente moi relacionado.

Quien se pica ajos come # ajos mastica

{= Paremias con que se expresa que cando se fala dun vicio ou defecto a nivel xeral, ou dunha falcatruada ou erro que cometeu alguén, é moi habitual que aquela ou aquelas persoas que teñen ese vicio ou adoitan pecar dese erro se dean por aludidas ou se molesten.}

Quen ten (o) rabo de palla sempre pensa que llo queiman

Quen ten o rabo de palla sempre pensa que lle poñen lume

Quen ten o rabo de palla sempre pensa que lle arde

Quen ten o rabo de palla sempre pensa que lle afuma

A quen ten o cu de estopas todo lle parecen lumes

Quen se pica allos come

Ex.: ¡Para el carro, tío, que yo solo he dicho que era vergonzoso que Constantino empezase a trabajar en el ayuntamiento sin mérito alguno y simplemente por amiguismo de su viejo con el alcalde!... Y ahora que lo estoy comentando, no me daba cuenta de que tu hija también trabaja ahí. En fin... quien se pica ajos come.

¡Aguanta os cabalos, veciño, que eu só dixen que era vergoñento que o Constantino empezase a traballar no concello sen mérito ningún e máis nada ca por amiguismo do seu vello co alcalde!... E agora que o estou a comentar, non me daba de conta de que a túa filla tamén traballa aí. En fin... quen ten o rabo de palla sempre pensa que llo queiman # que lle poñen lume # que lle arde # que lle afuma. && (...) En fin... a quen ten o cu de estopas todo lle parecen lumes. && (...) En fin... quen se pica allos come.

● Tamén:

Quen ten o rabo de palla (sempre) ten medo a que lle arda # a que llo queimen # a que se lle queime # a que lle poñan lume # a que lle planten lume && Quen ten o cu de estopas sempre pensa que lle poñen lume && Quen ten o rabo de estopa sempre pensa que llo queiman && Quen ten o rabo de estopa tenlle medo ó lume # ten medo a que lle prenda o lume nel && Quen ten o cu de palla ten medo a que lle arda

● E mais tamén:

Quen se pica allos come, e os dentes ben que os morde && Quen allos come pícase

NOTA:

As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 1”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 287-308. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vidal Castiñeira, Ana: “Aproximación ó ‘mínimo paremiolóxico’ galego. Unha proposta didáctica”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 79-116. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo

Que significado ten "anda o can na leña"?

1 xoseant.pena

No que teño rexistrado oralmente, dá a entender que unha determinada situación ou é probable que se produza ou está cerca de se producir, xa que está roldando a posibilidade e estanse a dar todas as condicións que permiten chegar a ela. Ex.: - Os outros agora atacan moito. –Si, anda o can na leña, e creo que nos van marcar. Se tal, abordareino proximamente nun artigo.