Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2020 | Actualizada ás 14:30
O Concello de Rois participa nun ensaio piloto co uso de robots para axilizar trámites repetitivos na administración local. Este mércores, presentouse en Santiago este proxecto que impulsa a empresa compostelá Audicon, que conseguiu que robots reduzan tempos de tarefas de tres horas a 20 minutos no municipio de Rois.
En concreto, puxéronse en marcha catro robots que traballan como unha aplicación software e realizan as tarefas dun traballador, pero a velocidades máis rápidas e sen erros. Para estes procesos habitualmente tediosos úsase a tecnoloxía informática RPA (Robotic Process Automation).O alcalde Rois, Ramón Tojo, destaca que esta experiencia de automatización serve para optimizar os escasos recursos cos que contan as administracións locais.
A interventora do Concello, Begoña Collazo, explica que o proceso de comunicación do orzamento anual do Concello ao Ministerio de Facenda é unha obriga legal que require cubrir unha ducia de formularios na oficina virtual. Así, o programa piloto conseguiu cumprimentar de forma automática cinco deses documentos nuns 20 minutos, cando habitualmente leva tres horas.
Este sistema RPA está a probarse tamén na Deputación de Badaxoz, mentres os responsables de Audicon espera ampliar a súa implantación noutros concellos galegos en próximos meses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.