Temas: CARBALLO TEATRO

María Vázquez e Carmen Machi, protagonistas da fin de semana no 'FIOT en pausa'

A actriz galega aparece en escena na estrea absoluta de 'A xente 2.0' e Carmen Machi será unha das protagonistas de 'Prostitutas', unha montaxe teatral que aborda o sempre controvertido tema da prostitución.

Por X.M. Fernández | Carballo | 15/10/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

"FIOT en pausa" achégase ao seu final, pero antes de pechar o telón ofreceranos unha fin de semana que está espertando gran expectación polas montaxes teatrais programadas pola Asociación Cultural Telón e Aparte coa colaboración do Concello de Carballo.

'A xente 2.0', obra de Amorodos Producións
'A xente 2.0', obra de Amorodos Producións

Achégase, pois, unha fin de semana ateigada de talento con nome de muller e pezas teatrais nas que se subirán ao escenario, entre os días 16 e 18, actrices como Carmen Machi, María Vázquez, Nathalie Poza ou Carolina Yuste.

Este xoves 15, ás 10.00 horas, abrirase no web www.ataquilla.com a segunda fase de venda de entradas para os espectáculos do FIOT en pausa, de xeito que, seguindo a normativa vixente, habilitarase a posibilidade de reservar butacas individuais ou dobres ata chegar a un máximo do 50% da capacidade do Pazo da Cultura. O público da comarca de Bergantiños terá unha nova ocasión de obter asento para observar, ao vivo, o traballo dun grupo de intérpretes que conta con numerosos galardóns, como premios Max, Goya, Unión de Actores, Feroz ou Mestre Mateo, entre outros. Xunto a este traballo actoral, ademais, destaca o acompañamento na dirección de Prostitución dun dos pratos fortes deste FIOT en pausa: Andrés Lima, gañador do Premio Nacional de Teatro 2019 e catro Premios MAX de dirección de escena.

O venres 16 ás 21:00 h. no Pazo da Cultura, estrea absoluta de A xente 2.0, a primeira montaxe da nova compañía Amorodos Producións, conformada por María Vázquez e Víctor Duplá. Ambos artistas lideran un proxecto que explora novos formatos escénicos e que, nesta ocasión, presenta a adaptación (da propia Vázquez) dun texto de Pérez e Disla, finalista dos XII premios Max. A obra vén sendo unha asemblea na que a partir das intencións de solucionar en grupo problemas comúns e transformar a sociedade cuestionarase "con humor e sen benevolencia o concepto mesmo de participación".

O sábado 17 ás 20:30 h. tamén no Pazo da Cultura a quenda será para a obra Liberto, de Rebordelos Producións. Está dirixida por Tamara Canosa, sobre un texto de Gemma Brió e preséntase como unha das propostas máis sorprendentes dos últimos meses na escena galega. Cun elenco conformado por Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao, Liberto pon sobre a mesa un relato silenciado sobre a maternidade, como é a morte perinatal, desde unha óptica feminista. Unha visión valente e singular que foi recoñecida polo propio sector cun total de sete candidaturas nos Premios María Casares neste 2020.

'Prostitución'. Foto (c) Valentín Álvarez
'Prostitución'. Foto (c) Valentín Álvarez

E xa o domingo 18, broche de ouro para pechar o festival deste ano. Ás 20:30 h. chega ao Pazo da Cultura un espectáculo de teatro-documental-musical "intenso, cru e amargo, pero tamén de humor feroz". Trátase de Prostitución, unha montaxe dirixida por Andrés Lima “que nace na rúa e chega ao escenario”. O propio Lima, xunto a Albert Boronat, asina unha dramaturxia na que o reparto se mergulla nun mundo ateigado de controversia. A través de textos e testimonios reais, e un proceso de investigación no que participaron tanto o equipo técnico como artístico, as galardoadas Carmen Machi, Nathalie Poza e Carolina Yuste pretenden, a través da ficción e acompañadas da música ao vivo, dar voz a quen consideran protagonista: as prostitutas.

Temas: CARBALLO TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta