Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2020 | Actualizada ás 20:30
Galicia superou na xornada deste mércores os 800 falecidos con covid-19 coa notificación de seis novas mortes que sitúan o cómputo total de vítimas desde o inicio da pandemia en 803.
Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, catro dos falecementos notificados están relacionados residencias. En concreto, un home de 94 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) procedía da Residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar.
Así mesmo, perderon a vida dous usuarios de residencias ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Trátase dunha muller de 53 anos que procedía do centro Pai Menni de Betanzos e dun home de 78 anos usuario da Ballesol de Oleiros.
Pola súa banda, na residencia de maiores de Val de Monterrei rexistrouse a morte dunha muller de 88 anos.
A maiores, Sanidade notificou a morte dunha muller de 87 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); e doutra señora de 79 anos que faleceu no seu domicilio da área sanitaria de Vigo.
O seis falecidos rexistrados polas autoridades sanitarias galegas este mércores presentaban patoloxías previas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.