Caballero sobre a moción en Ourense: "Se o PP quere colaborar, pode poñer un voto"

Reclámalle a firma dun edil para que os partidos da oposición "poidan construír unha etapa nova" na que haxa "diálogo co PP".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2020 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, non descarta "ningunha opción" para desbloquear a situación política de Ourense, pero advirte de que "o mellor" sería un apoio do PP a través dunha única firma nunha moción de censura para que os partidos que ata agora estiveron na oposición "poidan construír unha etapa nova" na que haxa "diálogo" cos populares.

Así se pronunciou a preguntas dos xornalistas coincidindo coa súa participación no congreso da sección de industria, construción e agro de UGT en Galicia. Cuestionado sobre se se trasladou a Ferraz a posibilidade de formar un goberno apoiados no PP para botar ao actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensá, Caballero apuntou que o PSOE "mantén diálogo e comunicación continua entre todos os compañeiros, a todos os niveis", pero subliñou que "neste momento a relación de todo o partido está no traballo que se está facendo en Ourense".

"Os diálogos en relación a Ourense están a ser levados a cabo polo secretario provincial e polo portavoz municipal", resolveu o líder socialista. Así as cousas, avisou de que "Ourense está nunha situación de crise municipal moi grave" e acusou deste "caos" ao "pacto contra natura" do PP con Pérez Jácome. Os populares e Feijóo "son responsables", criticou, "e o PP ten que posibilitar unha solución ao problema de Ourense". "Non lle corresponde tentar protagonizar ningún tipo de éxito, porque é o maior fracaso e leva o seu nome e as súas siglas", profundou.

Neste escenario, afirmou estar "a traballar con rigor, mantendo vías de diálogo nunha situación excepcional" e "estudando todas as posibilidades". "Se o PP quere colaborar, pode facelo dunha forma moi sinxela, pondo un voto, unha firma, un apoio de carácter técnico, dun dos seus concelleiros. Non fai falta sequera sete. Se quere desbloquear hoxe, non ten máis que pór unha firma nunha moción de censura asinada por todas as forzas que están na oposición e que non foron cómplices do que ocorreu", insistiu.

Para Caballero, "iso sería unha solución viable", aínda que admitiu que "hai distintas vías encima da mesa e o PP terá que dicir con claridade en que vías traballa". En calquera caso, o que rexeitou é "se quere lavarse a cara da súa responsabilidade e non ser parte da solución". De ser ese o suposto, precisou, "que o diga".

O PSOE en Ourense e o seu portavoz municipal está "a manter vías de diálogo con todas as forzas políticas en Ourense para trasladar ese posicionamento xenérico que o PP a través do seu portavoz trasladoulle, pero que hai que concretar moitos detalles", insistiu.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

xa apareceu a "pataconeira" a ver como se reparten os cargos e as dedicacións exclusivas (?) pero Ourense impórtalles un carallo ! o que realmente lles interesa é a Deputación ! e logo adícanse ao TerraCeo coma fai Carmela Silva (?) Estamos fartos desta tropa... a ver se ao final fan bo a Jácome (?)