Caballero pide rexeitar o ERE de Alcoa porque a empresa actuou de "mala fé"

Advirte de que o despedimento colectivo "non ten seguridade xurídica para que sexa aceptado", porque a empresa actuou con "mala fe".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/10/2020 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou á autoridade laboral a "rexeitar o ERE" de Alcoa para 524 traballadores da planta de Cervo, á vez que pediu ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que adopte "todas as medidas" dentro do ámbito das súas competencias, nos ámbitos laboral, ambiental e industrial.

Ante unhas xornadas "decisivas para o futuro de Alcoa", o líder socialista reclamou á Xunta "que despregue todas as competencias que ten nos ámbitos industrial, laboral e ambiental para paralizar o ERE, para que se despreguen as esixencias ambientais e tomando en coordinación co Goberno de España todas as medidas posibles" para que a multinacional non paralice a actividade na planta da Mariña.

Ademais de considerar que a autoridade laboral "ten que rexeitar o ERE", Caballero engadiu que o Goberno galego "ten que presentar un programa de esixencias claras para cuestións ambientais" e, xunto ao Executivo central, "paralizar esa decisión" de pechar a factoría de aluminio. "Ese ERE non ten os mecanismos de seguridade xurídica para que sexa aceptado, porque Alcoa actuou de mala fe", subliñou o secretario xeral do PSdeG.

"MELLOR POSIBILITAR A VENDA"

Neste escenario, advertiu a Alcoa que "ten enfronte a todo o estado" e que a súa "chantaxe vai ser paralizado polos tribunais" e vai ter "custos", co obxectivo de que "entenda que é mellor renunciar ao seu anuncio e posibilitar que (a fábrica) pase a través dunha intervención á SEPI e desde aí se posibilite a entrada dun investidor privado cun proxecto viable".

Nesta liña, trasladou que o presidente da Xunta "contará co respaldo do PSdeG", que pide "unha fronte común para loitar contra unha decisión ilexítima dunha multinacional que recibiu centos de millóns de euros".

En relación ao texto aprobado no Congreso por PSOE, PP e BNG, valorou que nacionalistas "abandonaron" formulacións relativas á nacionalización e populares a estratexia da "confrontación".

Manifestación en contra do peche de Alcoa. SABELA BRANCO - Europa Press
Manifestación en contra do peche de Alcoa. SABELA BRANCO - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta