PSOE, Podemos e BNG perden apoio e soben PP e Vox, segundo o CIS

Con todo, os socialistas manterían unha ampla vantaxe sobre os 'populares'.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 15/10/2020 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

O Barómetro de opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de outubro reflicte un retroceso nas dúas formacións que compoñen o Goberno, tanto o PSOE como Unidas Podemos, mentres soben o PP e Vox. Pola súa banda, o BNG baixa tres décimas e pasa dunha porcentaxe de estimación directa de voto do 0,8% ao 0,5%, a mesma que tiña no barómetro do mes de maio.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez | Fonte: Europa Press

O CIS outorga ao PSOE unha estimación de voto do 30,8%, sete décimas por baixo do seu dato do mes anterior e o seu peor rexistro desde o pasado mes de xaneiro, antes da crise do coronavirus. Aínda así, segue por enriba do 28% que obtivo nas xerais de novembro.

O PP, que en setembro marcara a súa cota máis baixa dos últimos meses, rexistra agora un 18,9%, oito décimas por ebriba do anterior barómetro pero aínda por baixo do 20,8% que logrou nas urnas hai case un ano.

Iso fai que a distancia entre os dous grandes partidos, que en setembro chegara aos 13,4 puntos, quede agora en 11,9, aínda maior que os 7,1 puntos de vantaxe que sacou o PSOE cando gañou as xerais.

En canto ao voto directo, se mañá se celebrasen as eleccións, unha quinta parte dos enquisados xa ten claro a súa papeleta para o PSOE (20,8% de intención de voto) fronte ao 11,3% que ten decidido apoiar o PP. Iso si, un terzo dos entrevistados declina pronunciarse ou di que non votaría.

En intención directa de voto, o BNG pasa dun 0,6 por cento en setembro a un 0,4 por cento no barómetro correspondente ao mes de outubro.

A enquisa baséase en 2.924 entrevistas telefónicas dunha mostra de 1.099 municipios de 50 provincias. O traballo de campo fíxose nos primeiros sete días de outubro, en plena segunda onda do coronavirus, pero tamén tras a imputación do presidente catalán Quim Torra, a polémica polo veto ao rei Felipe VI no acto de entrega de despachos a novos xuíces en Barcelona ou os problemas xudiciais de Podemos e o seu líder, Pablo Iglesias.

O caso é que Unidas Podemos, a outra formación do goberno de coalición, tamén retrocede, cunha estimación de voto en outubro do 11,7%, medio punto por baixo do seu dato do mes de setembro e xa un punto por baixo do seu último resultado electoral. A coalición de Más País con Compromís, pola súa banda, marca un 1,8% na enquisa, algo mellor que nas urnas.

A ULTRADEREITA RECUPERA A TERCEIRA PRAZA 

Por contra, Vox experimenta un ascenso e desbanca do podio a Unidas Podemos. O partido que lidera Santiago Abascal, que acababa de rexistrar a súa moción de censura, marca no barómetro de outubro unha estimación de voto do 12,5%, oito décimas mellor que o mes anterior. Aínda así, o CIS sitúao tres puntos por baixo do seu éxito electoral do 10N.

Ciudadanos segue cun voto fluctuante nas enquisas do CIS: así, en outubro conta cunha estimación de voto do 8,8%, que é case dous puntos menos que en setembro pero a mesma porcentaxe que antes do verán. En todo caso, o CIS velle mellor que nas ultimas eleccións, cando quedou no 6,8% e só dez escanos.

No resto de partidos, vese que en Cataluña, tras a inhabilitación de Torra, ERC gaña medio punto e marca un 3,3% mentres que Junts e a CUP quedan case igual, co 1,8% e o 0,5% respectivamente. E no País Vasco, o PNV segue por diante de Bildu: 1,3% fronte ao 1,1%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Tocabolas

Con SO 150 entrevistas para Galiza dificilmente se pode facer unha boa extrapolacion dos datos do BNG...