Os estudantes das tres universidades galegas deberán pasar o cribado de Sanidade

Sanidade fixo un chamamento para "concienciar e responsabilizar" aos estudantes para que, nas súas actividades privadas, manteñan "todas as medidas de seguridade" e reduzan as súas interaccións sociais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2020 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, enviou 50.000 test rápidos de detección da covid-19 aos servizos de prevención das tres universidades galegas, que procederán a realizar un cribado con eles entre os seus alumnos.

En concreto, para a Universidade da Coruña destinaranse 11.649 test para o campus da cidade herculina e 1.945 para o de Ferrol; mentres que na USC usaranse 16.834 test no campus de Santiago e 3.039 no de Lugo. No relativo á Universidade de Vigo, 8.646 test irán ao campus da cidade olívica, 3.502 ao campus de Pontevedra e 3.967 ao campus de Ourense.

A pesar de que Sanidade considera o universitario unha contorna segura, o departamento da Xunta mantén unha "vixilancia específica" das cidades que contan con facultades ou escolas universitarias, xa que estes ámbitos están constituídos por persoas novas con maior probabilidade de ser asintomáticos, o que dificulta unha detección precoz da enfermidade.

Ademais, lembra Sanidade, son, en xeral, persoas con "unha gran frecuencia de interaccións sociais", o que "multiplica as posibilidades de transmisión". Estas cuestións, xunto con "unha menor percepción do risco", constitúen "factores que poden derivar no empeoramento da situación epidemiolóxica".

Por iso, Sanidade fixo un chamamento para "concienciar e responsabilizar a este colectivo" para que, nas súas actividades privadas, manteñan "todas as medidas de seguridade" e reduzan as súas interaccións sociais, "evitando reunións con persoas non convivientes, festas nos pisos ou aglomeracións".

Aula da Universidade de Vigo
Aula da Universidade de Vigo | Fonte: UVigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta