Así é o descoñecido perfil do adolescente consumidor de prostitución

O perfil de quen consume prostitución non ten patrón fixo. O mesmo ocorre coa persoa que exerce de proxeneta. A sorpresa é ver que xente nova usa este mundo para iniciarse no sexo, mesmo para darlle saída a ideas e conceitos sobre o sexo que figuran no imaxinario da pornografía en Internet.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 23/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Algunhas das organizacións que se dedican en Galicia ao apoio ás mulleres prostituídas, coinciden en que non hai un perfil claro de consumidor de sexo por pago. A realidade demostrou a estas organizacións que tanto a idea de rito iniciático como a procura dunha cousa diferente, seguen sendo dous dos motivos que incitan ao putañeiro a procurar relacións mediante un intercambio monetario. E aínda que as sociedades teñen cambiado algúns hábitos para mellor, se falamos de comportamento sexual, os roles non parecen ter variado, pois a idea é que elas serán sumisas e eles os activos. Se esta situación non se dá de maneira doada, o xeito de acceder a ela é mediante pago, isto empodera ao consumidor para levar adiante prácticas que, en ocasións, se denominan extremas.

Anuncios de contactos e de prostitución nos grandes medios
Anuncios de contactos e de prostitución nos grandes medios

XENTE NOVA E PROSTITUCIÓN

Se ben non existe un prototipo de consumidor de prostitución, o que si se veu durante os últimos anos foi o aumento do uso desta práctica como evasión lúdica. “Hai moito cliente novo que usa a prostitución como ocio”, din desde a asociación Vagalume. Ademais engádeselle que xunto ao sexo está tamén o consumo de drogas, sobre todo en pisos onde se poden ocultar estes usos mellor que nun club.

Á parte disto, se se fala de xente nova e sexo por pago, un dos trazos distintivos entre as persoas máis novas que acoden aos servizos sexuais mercantilizados, é que “a xuventude busca levar adiante o que ve na pornografía”, a pornografía que consume a través de Internet, sobre todo. “Cremos que é buscar ou realizar o que teñen no seu imaxinario e que poden levar adiante con persoas ás que lles pagan”.

Non obstante, este consumo feito para materializar fantasías ou desexos inspirados en produtos da Rede, non reflicte tampouco ningún tipo de avance dentro do que sería a liberdade sexual das persoas. “Ás veces a xente nova interpreta a liberdade desde un punto de vista unilateral, é dicir, non pensa que detrás da persoa que se prostitúe hai unha rede de trata”, por tanto, non valora a coerción e violencia de diferentes tipos que hai detrás da trata de persoas. O que interesa é o consumo rápido e “á carta” de sexo.

FRACASO EDUCATIVO AFECTIVO-SEXUAL?

A pregunta é por que xente tan nova necesita, a día de hoxe, recorrer aos servizos da prostitución?”  “Cremos que é cuestión de falta de autoestima e por ter como modelo sexual iniciático a pornografía” di a psicóloga Liliana Freijeiro. Isto leva parello tamén que dentro do rol de xénero desenvolvido entre a adolescencia contemporánea “parece que a muller ten asociada a cuestión afectiva e os homes unha postura de expertos”.

Unha das metas que se fixaron as democracias tamén en tempos recentes, foi desenvolver unha educación afectivo-sexual coa intención de ter unhas sociedades máis plurais, abertas e tolerantes cara as relacións sexuais e a diversidade. O obxectivo non se acadou no seu momento, ben por cuestións orzamentarias, administrativas ou simplemente ideolóxicas.

Así, Noa Díaz, parlamentaria do PSdeG, apunta que “habería que poñer en marcha todas as institucións, mais se hai vontade pode facerse”. Con todo, o apoio a iniciativas como esta deben ter un soporte institucional multidisciplinario. O motivo é combater os estereotipos que levan xeracións ancorados entre as persoas e que tamén afectan á xente máis nova.

“Todo iso pode combaterse con educación, porque se é certo que hai un repunte de consumo de prostitución entre xente nova, as TIC e a pornografía están detrás”. Para iso, Díaz ve necesarias  campañas de concienciación, sobre todo en ámbitos educativos. “A sociedade hoxe está preparada para que os nenos teñan educación afectivo-sexual para romper actitudes que logo teriamos como adultos”.

A educación afectiva non obstante, quedou relegada nos currículos escolares, non só en Galicia e España. “As democracias que temos arredor tampouco están máis avanzadas que nós, mais penso que imos pouco a pouco cos tempos” di Díaz.

O maior número de adolescentes consumidores de prostitución parece responder a un intento de reprodicón de roles. Estes roles son extraídos do consumo intenso de pornografía en Internet e a creación dunha visión errada da sexualidade. Desta maneira, a educación afectivo-sexual, ademais da educación para a cidadanía, serían segundo algunhas posturas políticas, unha vía de solución a estas cuestións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 kwsx

Chuminadas. Todo o que se di son fantasías para alimentar o conflicto permanente a traverso do victimismo. Estou canso de ir a casas de p. e nunca paguei un can. Chámanme a traverso de app tipo Tinder ou Grindr, mulleres trans ou scorts. Os clientes adoitan pagarlles por ser activxs pero á maioria mólalles ser pas. E nunca vin nada de trata de blancxs, escravitude nin nada dese pau. Traballan na prostitución porque consiguen mais pasta que fregando portais, e lles gusta ter sexo. O que hai que facer e legalizalxs e que coticen para unha pensión, paguen impostos, etc. Na miña experiencia, hai dous métodos: van ao 50% co piso no que se aloxan; ou pagan unha cantidade por hospedaxe e o que paguen os clientes é todo para o/a traballador/a sexual.

1 Sentidiño

Caralladas = ideas pensadas co carallo. Falamos do acceso á pornografía por parte dos adolescentes e do seu efecto na pervivencia da violencia machista. As miserias da súa vida non poden ser o modelo das miñas fillas. Noxo.

1 Gamela

Sempre que non saben como facer algo, montan outra materia educativa e todo sigue como antes ou peor ! Cinismo, moito cinismo é o que temos cando falamos de prohibir e perseguir a "prostitución" ! Moito máis fácil sería capar as webs pornográficas pero diso ninguén fala! E como se fan os vídeos e páxinas de contactos porno ? Con grandes estrelas do audiovisual ou con "carne fresca" que se merca cun puñado de billetes ? Esta non se chama "prostitución" nin se persegue nin se prohibe, esa dá miles de millóns e non se toca ! Cinismo Político Barato !