Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2020 | Actualizada ás 17:02
Os membros do Ministerio de Defensa realizan unha media de 2.000 rastreos semanais en Galicia, segundo as cifras expostas polo delegado do Goberno na comunidade, Javier Losada, que asegurou que o dispositivo, "fundamental para controlar" a pandemia, está "a funcionar moi ben".
Así o dixo nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional en que Javier Losada destacou que os rastreadores do exército constitúen "unha boa ferramenta" que realiza tarefas "que tamén teñen que ver coa defensa das persoas".
Losada remarcou a necesidade de que a cidadanía cumpra as normas que marcan as autoridades sanitarias "e sexan esixentes nas súas vidas" para previr contagios.
O delegado do Goberno resaltou o papel que xoga na xestión da crise sanitaria a Administración central, que presta "un apoio social e económico moi importante" á Xunta.
"Por primeira vez na historia deste país hai un goberno que non deixa a ninguén na estacada, como fixo o PP na anterior crise", sinalou Losada, que puxo o acento na importancia do "escudo social" que supuxo investimentos "de 450 millóns en ERTEs", que "616.000 persoas" tivesen "desde abril a setembro unha axuda económica" ou os "300 millóns de euros en axudas a autónomos".
AVE A GALICIA
Por outra banda, Javier Losada mostrou a súa confianza en que as obras da conexión por liña de alta velocidade coa Meseta estean concluídas en prazo fixado para iniciar as probas previas á súa posta en funcionamento.
"Estou seguro de que os prazos de finalización da obra van estar na data prometida", aseverou o representante do Executivo central na Comunidade galega, que recoñeceu que a crise sanitaria xerou "un certo atraso" nos traballos que, no entanto, xa se normalizaron.
Cuestionado sobre a redución de servizos de Renfe na comunidade, o delegado xustificou a decisión da operadora ante a "baixada da demanda" que, aínda que recoñeceu que "empezou a recuperarse", "os datos dos últimos días din que hai unha ocupación do 50 ou 60%".
"É verdade que non estamos en lso niveis previos á pandemia, pero a demanda está por baixo do 60%", sinalou Losada, que dixo que "en momentos puntuais" decretáronse reforzos "para dar cobertura aos movementos" de estudantes.
"ESIXENTE" CON ALCOA
Por último, tamén se pronunciou sobre a situación da planta de San Cibrao para reclamar a Alcoa que "actúe de boa fe" e se abra a negociar a venda.
"Non se pode estar nunha situación así", sinalou antes de incidir en que o Goberno "vai ser moi esixente" coa multinacional, á que investigará polas axudas concedidas para estudar se ten que proceder á súa devolución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.