Confi, o arroaz solitario da ría de Muros-Noia, está xa na "fase de dominación da xente"

Alfredo López, da CEMMA, alerta do comportamento do cetáceo: "Fai da xente o que quere". Por iso, pide a mergulladores, mariñeiros e bañistas que o ignoren e non ineractúen con el se o avistan porque "os riscos son grandes". Os profesionais do mar piden a implicación da Xunta.

Por Xurxo Salgado | Noia | 18/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un arroaz non é un animal doméstico. Como tampouco o é unha orca, nin unha balea. Os episodios que se están repetindo na costa galega nos últimos meses, especialmente, co arroaz Confi --Manoliño para outros--  na ría de Muros-Noia teñen posto en alerta ao sector do mar, e tamén, ao dos biólogos. Precisamente, un deles, Alferdo López, da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños ( CEMMA) e investigador da Universidade de Aveiro, alerta da perigosidade dos comportamentos destes animais solitarios.

Alfredo López, da CEMMA, nunha charla sobre cetáceos
Alfredo López, da CEMMA, nunha charla sobre cetáceos | Fonte: L.S.

«O arroaz fai da xente o que quere, está xa na fase de dominancia porque dase conta de que pode mover a centos de persoas na praia e portos para entreterse o que lle da un poder tremendo», apunta o biólogo. «As persoas poden causarlle feridas na pel porque é moi delicada ou provocar  que se afaste do resto de arroaces condeandoo a estar só.  Pode pegar saltos de varios metros, e dado que pesa centos de kilos pode caer enriba dalguén. Tamén se se ve molestado pode trabar. Polo que os riscos de interaccionar son grandes», alerta.

EXPULSADO DA SÚA MANDA

As primeiras novas de Confi, son de decembro de 2019. Trátase  dun animal moi noviño que foi expulsado da manda con violencia como indican as marcas de dentes na parte anterior do seu corpo. Alfredo López expuxo unha relación de casos similares polos que coñecen as diferentes fases polas que pasa o comportamento destes animais. «De buscar refuxio nun espazo pasan a interaccionar con barcos e persoas sen permitir o contacto, logo pasan a un contacto directo coas persoas que el elixe e finalmente busca xa un contacto directo no selectivo con condutas de dominación sobre as persoas», suliñou.

Confi xa se atópa nesta última fase, pois a finais deste verán xa entraba nas praias e nos portos para que o acariñaran e agora está a buscar o  contacto directo cos mergulladores porque pode supor un grave problema para estes profesionais. O seu percorrido pola ría de Muros-Noia vai desde a Testal a Corrubedo pola costa sur  e ata Esteiro polo norte. No porto de Portosín ten o seu refuxio. Se estes animais se sinten molestados nesta zona de seguridade, poden chegar a agredir, polo que esta área debería ser salvagardada do paso de bañistas ou piraguas para evitar «sustos».

Captura de pantalla dun dos vídeos nos que se aprecia o arróas Confi en Noia
Captura de pantalla dun dos vídeos nos que se aprecia o arróas Confi en Noia | Fonte: cedida

Alfredo López deu unha interesante conferencia a mariñeiros e mergulladores nunha sesión organizada polas técnicas das confrarías de pescadores da ria de Noia, Liliana Solís, Lúa Lado de Porto do Son e María José Baúlo de Muros, xunto coa CEMMA e a Sociedade Liceo de Noia, sobre código de conducta con cetáceos, a demanda dos mergulladores do plan de extracción da navalla, que este ano se viron afectados pola presenza na ria deste arroaz solitario.

NON MOLESTALO

Entre estas recomendacións, a máis importante, que os profesionais do mar «non o molesten, nin tenten interactuar con el» e «disfrutar» da sua presencia desde a distancia. «Seguramente resultará moi simpatico ter un arroaz por aquí, pero realmente é unha cousa moi seria e temos que aprender a convivir con el», apuntou ao tempo que alertou que hai que ter coidado porque os bañistas están a sua mercede. «Aínda que Confi é boiño de momento xa hai experiencias de agresión de arroaces solitarios como reacción a unha situación negativa e aprende a responder ao tratamento que nos lle damos», di.

IMPLICACIÓN DA XUNTA

Os mergulladores que traballan na ría tamén advirten das dificultades que teñen á hora de traballar pola aparición do arroaz e piden a necesaria intervención da administración para o desenvolvemento da súa actividade con mais flexibilidade nos horarios e nas zonas de traballo.  

A CEMMA amosou xa a súa disposición a adxuntar os seus informes do que levan feito para que a Xunta os teña en conta no desenvolvemento dos plans con mergullo. Tamén destaca a necesidade de controlar o comportamento da xente nas praias e portos por parte das autoridades para evitar situacións de risco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta