Pontón pide ao Goberno central que se deixe de "vaivéns" con Alcoa e subliña que a solución é a intervención

O BNG pedirá no pleno desta semana que o Parlamento de Galicia reclame esa intervención pública.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/10/2020 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao Goberno central a deixarse de "vaivéns" sobre as posibles solucións para a situación da planta de Alcoa de San Cibrao (Lugo) e subliñou que a única vía "real" é "a intervención pública".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: BNG.

"E non debería demorarse demasiado a presentación dese proxecto", manifestou a líder dos nacionalistas galegos, que criticou que esta fin de semana o secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, descartase a intervención pola forza e que "dous días despois" a ministra --Reyes Maroto-- tivese que rectificar.

Pontón cualificou de "límite" a situación e subliñou que "mil traballadores poden irse á rúa en breve tempo sen que haxa unha resposta contundente por parte da Xunta e do Goberno central".

"Non se pode estar a xogar co futuro de toda unha comarca, non se pode estar a xogar aos vaivéns", censurou para incidir en que "a única solución que hai sobre a mesa é unha intervención".

Pontón advertiu de que a multinacional ten unha "folla de ruta tan clara" fronte a un goberno que "un día pola mañá di que si vai intervir e ao día seguinte di que non".

Por todo iso, avanzou que o BNG pedirá no pleno desta semana que o Parlamento de Galicia reclame esa intervención pública. "Esperamos que lle dea o impulso necesario para que o Goberno e a Xunta saian da indefinición e vexamos xa esa proposta, que é a que están a esperar os traballadores e toda a comarca", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta