Os concellos ourensáns afectados polas restricións consideran que son "necesarias e positivas"

Entre os concellos que seguen preocupando a Sanidade atópanse os do Carballiño e Boborás.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 19/10/2020 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

Unha xornada antes de que o comité clínico de expertos que asesora á Xunta volva reunirse, os concellos ourensáns afectados polas restricións recoñecen o esforzo e os efectos negativos que estas tiveron, aínda que, tendo en conta a evolución da covid-19 no territorio, venas "necesarias e positivas".

Control no Carballiño con motivo das medidas pola Covid-19
Control no Carballiño con motivo das medidas pola Covid-19 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

No caso do concello de Barbadás, cuxo goberno se mostraba reticente á restrición de mobilidade, agora, o rexedor, José Carlos Valcárcel, manifestou ver unha melloría que resulta "aliviante", xa que, dos 71 casos da semana pasada baixaron a 61.

Así, o alcalde considera que as restricións de mobilidade "moi probablemente se estenderán máis aló do 1 de novembro", medida que considera que, ata o momento, foi efectiva. No entanto, recalcou que supón "un freo" para o tecido comercial e económico do concello, xa non só na hostalaría, se non noutros comercios de cara a festividades como a ponte do un1de novembro.

A curva tamén descendeu no concello de Ourense, onde, dos 551 casos activos a semana pasada, hai agora 465, o que supón unha caída do 15%. Con estas cifras, confían en que, se se mantén o descenso, o comité clínico poida optar proximamente por suavizar as restricións.

A hostalaría da cidade lamenta que as restricións de mobilidade afectasen "aínda máis" á súa "xa difícil" situación, posto que "antes se desprazaban moitos compañeiros de traballo xuntos" e agora, aínda que poidan compartir coche "non poden compartir mesa", explican os hostaleiros, en referencia á limitación de reunións para persoas que conviven no mesmo fogar. Do mesmo xeito, pon a vista no Nadal, onde vai estar " difícil que as reunións se poidan realizar para esas datas".

Mentres, no concello do Irixo o número de casos aumentou --pasaron de ser 8 a ser 11-- aínda que desde o Concello sinalan que era "algo esperable" posto que ao "realizar máis probas atopan máis positivos". É por iso que, en vista á reunión deste martes, consideran que é aínda pronto para facer un baremo de se as medidas foron efectivas ou non, aínda que se mostran optimistas vendo que diminuíu a cifra en "Barbadás e Ourense, onde levaban pechados máis dunha semana".

Así pois, o alcalde do Irixo apelou á responsabilidade social individual, da que dixo que "cada día está máis convencida a poboación".

Entre os concellos que seguen preocupando a Sanidade atópanse os do Carballiño e Boborás, que comezaron o xoves coa limitación de mobilidade perimetral.

Esta mesma mañá, Boborás pasou a formar parte, no mapa de cores da Xunta de Galicia, das áreas en nivel de alerta 2 polo aumento de casos. Mentres que a semana pasada se mantiña en 18 casos, hoxe presenta 27, aínda que a súa alcaldesa, Patricia Torres, non descarta que aparezan máis, posto que considera que "moitos dos casos se forman a través de positivos asintomáticos que, non coñecendo que son portadores do virus, se relacionan no ámbito familiar sen tomar ningún tipo de precaución".

Aínda que sinala que "non logra comprender" como o seu concello é o máis afectado da comarca detrás de Carballiño, xa que, a pesar da relación entre ambos, "hai outros que teñen a mesma ou mesmo máis" e teñen menos casos.

A rexedora móstrase especialmente preocupada polo auxe dos casos, pero tamén porque, aínda que "polo momento a media de idade non é elevada", teme que podería chegar a selo. "Hai que evitar que chegue á poboación maior, así como que chegue a persoas que sufran outras patoloxías e por tanto teñan máis factores de risco á hora de enfrontarse a esta enfermidade", resumiu.

Sumándose á petición do resto de alcaldías, Patricia Torres pide especial responsabilidade individual e alude a que, para coñecer a eficacia das medidas decretadas, aínda "pasou pouco tempo". De cara á reunión deste martes, que "diminúan", sinalou, é "imposible que suceda". "E se hai que aumentar as restricións, aumentaranse, porque o importante é a saúde", resolveu.

Pola súa banda, no concello do Carballiño a cifra de contaxios ascende a 175, un menos con respecto á fin de semana. O tenente de alcalde da localidade afirmou que a maior parte dos casos se deberon a "reunións sociais" onde "mozos e non tan mozos baixaron a garda", pero tamén a que "ao facer tests masivos aparecen máis casos".

Tamén no Carballiño ratifican que as medidas aínda non tiveron tempo suficiente "como para saber se son efectivas ou non" pero que, sendo elaboradas por un comité experto na materia "é porque son as necesarias". Aínda así, o tenente alcalde manifestou que o sector da hostalaría está a resultar moi prexudicado e, de cara á tempada de choivas, "é unha situación complicada se poden seguir unicamente servindo en terrazas" polo que espera que a situación mellore.

TEST RÁPIDOS

Por outra banda, polo que se mostrou preocupado o alcalde de Barbadás é polo uso dos tests rápidos para o cribado poboacional. Asegurou que das catro farmacias adheridas a este programa da Xunta, a unha delas as probas cadúcanlle xa este martes, polo que hoxe foi o último día para poder realizar a proba, mentres que nas outras tres o último día é este xoves.

No Irixo, do mesmo xeito que en Boborás, a única farmacia do concello xa se adheriu, pero aínda non recibiu as probas. Consideran que ao longo da semana poderán empezar a realizalas e lembraron que "calquera medida de prevención é ben recibida".

Pola súa banda, o concello do Carballiño comezou a tomar as citas previas para realizar as seroloxías, pero comparten crítica con Barbadás no curto período que hai para levalas a cabo, subliñando que non se poden acabar o día 24 porque "non é suficiente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta