A nai do menor que será operado por unha queimadura no ollo denuncia que haxa xel ao alcance de nenos tan pequenos

Critica que non se trasladase antes o seu fillo ao hospital e analizará se toma medidas legais. Educación lamenta o "desafortunado accidente".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/10/2020 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

A nai de Fabricio, o neno que sufriu queimaduras graves nun ollo por mor dunha salpicadura con xel hidroalcohólico nun colexio de Lalín, está pendente de que operen o menor --que ten unha úlcera nun ollo e ao que terán que implantar a membrana no mesmo--, pero criticou que este produto químico estea ao alcance de nenos tan pequenos e que non se trasladase antes o menor a un centro sanitario.

Unha persoa desinfecta as mans con xel hidroalcohólico
Unha persoa desinfecta as mans con xel hidroalcohólico | Fonte: Ricardo Rubio - Europa Press

Llubica relatou que, segundo lle contou o seu fillo, o accidente produciuse no comedor do CEIP Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe, onde outro neno lle arroxou xel ao ollo, no que se produciron as queimaduras.

"A min chámanme, dinme que ocorreu un accidente e que o neno ten xel no ollo polo que será mellor que mo leve. Iso é o que me trasladan", explicou a nai do menor, agora ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde este martes será sometido a unha operación cirúrxica.

En chegar ao centro, posto que se atopaba no traballo, indicou que tardou uns 40 minutos. Para entón, o xel xa producira queimaduras no ollo do menor, que agora está sometido a un tratamento cada tres horas e sente "unha enorme dor", posto que ten unha úlcera.

"PROTOCOLO"

Tras a súa chegada ao centro, sinalou que a directora, que estaba co neno, explicoulle que chamara ao 061 e, seguindo as súas indicacións, lavou o ollo do menor con auga. Sobre o mesmo, segundo traslada a nai, tiña unha gasa húmida.

"Díxome que o protocolo dicía que o proxenitor debía recoller o menor", lamentou, á vez que reprobou que nenos tan pequenos como o seu fillo, que "acaba de cumprir tres anos", teñan acceso directo ao xel.

"No autobús é a coidadora a que llo bota nas mans. Eu non culpo o outro neno, o que non entendo é que haxa xel ao alcance de nenos tan pequenos", contrapuxo.

Finalmente, ratificou que, aínda que agora só pode pensar en "superar isto", decidirá se toma ou non medidas legais, tamén en función de se ao seu fillo lle quedan lesións no ollo ou non.

CONSELLERÍA

A Consellería de Educación defendeU que o servizo de Inspección Educativa ratificou que no colexio "se seguiron as pautas preceptivas para este tipo de casos".

O departamento que dirixe Román Rodríguez considera que este é "un desafortunado accidente" ante o que é preciso "tomar todas as medidas necesarias para minimizar os riscos" e "evitar que se repita" unha situación similar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta