O BNG levará á Eurocámara a situación das residencias de maiores durante a pandemia

O Parlamento europeo aceptou unha iniciativa presentada por EU en xuño sobre esta cuestión, decisión da que informará este martes Eva Solla.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/10/2020 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, informou de que presentará unha denuncia na Comisión de Peticións da Eurocámara sobre a situación das residencias de maiores durante a pandemia da covid-19. Así, organizará encontros nas institucións europeas para que poidan participar os representantes dos usuarios e dos traballadores destes centros.

Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa.
Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa. | Fonte: Europa Press.

A formación nacionalista sinala que, desde o inicio da pandemia, as residencias de persoas maiores convertéronse nun dos principais focos de extensión do coronavirus, con persoal excedido e sen recursos para desenvolver a atención médica necesaria nos centros.

Neste sentido, apunta que máis de 20.000 falecidos coa covid-19 no Estado español correspóndense con persoas que residían nestes centros, o que supón case o 62% das mortes notificadas oficialmente polo Ministerio de Sanidade.

Ademais, o Bloque avisa de que en Galicia xa son unhas "355 as vítimas mortais en residencias".

"Atopámonos cuns datos desoladores e que resultan máis dolorosos se cabe porque somos conscientes de que moitas poderían evitarse con maior prevención e melloras nos centros", sostén Ana Miranda, que afirma que, ante esta situación, é necesario utilizar os mecanismos dos que dispón o Parlamento europeo para dar a coñecer e denunciar as carencias destes centros.

INFRACCIÓN DE NORMATIVA COMUNITARIA

A portavoz do BNG en Europa avanzou que unha das primeiras reunións que se celebrarán será coa vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, co obxectivo de analizar ao detalle as infraccións da normativa comunitaria.

Miranda sostén que no relativo ás residencias non se respectou a normativa comunitaria, concretamente o artigo 25 da Carta de Dereitos Fundamentais que re recoñece o respecto aos dereitos dos maiores.

Precisamente, o Parlamento europeo aceptou unha iniciativa presentada por Esquerda Unida en xuño deste ano para analizar a posible "vulneración de dereitos" fundamentais nestes centros. Unha decisión sobre a que este martes ten previsto informar  que foi deputada por En Marea e o Grupo Común da Esquerda Eva Solla.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta