A Xunta pide diñeiro a UE a cambio de protexer o clima

Defende que Europa estableza un instrumento de financiamento suficiente para conseguir neutralidade climática.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2020 | Actualizada ás 21:19

Comparte esta noticia

Para facer fronte ao reto do cambio climático, a Xunta cre necesario "establecer un instrumento de financiamento suficiente, ben proporcionado e de execución áxil" que teña en conta as características particulares da Europa das Rexións á hora de "recoñecer as dificultades das mesmas para conseguir os obxectivos fixados nesta materia a medio prazo".

Esta foi a postura que defendeu este luns a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante unha reunión telemática co fin de preparar e fixar a posición común que presentarán as comunidades ante o Consello Consultivo de Política Ambiental para Asuntos Comunitarios do próximo venres, 23 de outubro.

Así, a responsable galega de Medio Ambiente lembrou que a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCCE), aprobada pola Xunta a finais do ano pasado, é un documento acorde cos obxectivos europeos que fixan para o ano 2050 o cumprimento da neutralidade climática.

En todo caso e para garantir o cumprimento destes obxectivos, a Xunta considera que establecer por lei a necesidade deste instrumento financeiro "debería garantir que os orzamentos europeos recoñezan e teñan en consideración as dificultades que cada país, rexión e municipio teñen" para planificar as súas estratexias para a consecución do obxectivo da neutralidade climática.

Neste sentido, Ángeles Vázquez considerou "moi acertado" que a posición común que defenderán as comunidades ante o Ministerio incida no feito de que non se contou o suficiente coa opinión das rexións a este respecto. Por iso, insistiu na importancia de que este defecto se poida corrixir no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC), converténdoo nun "verdadeiro instrumento de vertebración" coa "flexibilidade" suficiente para que todas as comunidades e entidades locais do país poidan contribuír aos retos comúns en materia de clima e enerxía.

Por último, a conselleira tamén compartiu cos seus homólogos a necesidade de que o Goberno central actúe ante as institucións europeas como un verdadeiro moderador e catalizador da información, de xeito que as comunidades a reciban "de forma adecuada" e, á vez, a UE "se mostre sensible e receptiva ás características particulares de cada unha delas".

Cambio climático
Cambio climático | Fonte: WWF España

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta