Feijóo pide aclarar que sería "toque de queda": "Se o sabemos, quizais nalgún lugar sexa unha boa práctica"

Pide ao Goberno central que fixe uns criterios homoxéneos para erradicar a "confusión".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/10/2020 | Actualizada ás 15:40

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu que, antes de pronunciarse sobre se ve oportuno un toque de queda para todo o país, é preciso clarificar cal sería o alcance desta medida, é dicir, se afectaría só o peche na franxa nocturna de actividades económicas ou se tamén se limitaría o dereito dos cidadáns a saír á rúa. "Se sabemos a que se refire, quizais nalgúns lugares, en función da incidencia, sexa unha boa práctica", dixo.

Feijóo, tras reunirse co alcalde de Ferrol
Feijóo, tras reunirse co alcalde de Ferrol | Fonte: Xunta.

O presidente galego agregou que podería ser unha opción a estudar, por exemplo, se se refire ao peche nocturno de actividades económicas e da hostalaría, pero insistiu na necesidade de que o Goberno fixe uns criterios homoxéneos para erradicar a "confusión".

"E creo que non hai ningún lugar en España onde se estea prohibindo saír á rúa desde as doce da noite. Teño dúbidas de que unha comunidade teña competencias para facelo", agregou, na mesma xornada na que Madrid expuxo que se estude a aplicación desta medida e transcendeu que o Goberno estuda o seu encaixe xurídico.

"Toque de queda é impedir que a xente poida estar na rúa? É pechar os establecementos de todo tipo entre unha hora e outra hora na madrugada? Son as dúas cousas á vez? Facer iso nos lugares onde a incidencia supere os 500 casos nos últimos 14 días? Ou pola contra tamén é facelo naqueles lugares nos que supere os 250 nos últimos 14 días?", preguntouse o mandatario galego.

Nesta conxuntura, insistiu en que hai unha "enorme situación de confusión", que non desexaría incrementar, polo que reiterou que é preciso aclaralo antes de calquera pronunciamento. "Se sabemos que se entende por toque de queda, quizais nalgúns lugares, en función da incidencia, sexa unha boa práctica. Pero primeiro concretemos o contido desta medida e despois apliquemos os parámetros", instou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta