Asociación en Defensa de las Cuestas del Parque recorre ao contencioso para esixir a derriba das torres do Garañón

No procedemento permanecen imputados o exalcalde de Lugo Xosé López Orozco e o exconcelleiro de urbanismo e exsecretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro.

Por E.P. | Lugo | 20/10/2020 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

O presidente da Asociación en Defensa de las Cuestas del Parque, Marcos Bourio, anunciou que, "debido ao atraso do xulgado do penal", van presentar unha "demanda de reposición da legalidade" ante o contencioso-administrativo sobre as torres do Garañón, que se sitúan aos pés do parque Rosalía de Castro da cidade de Lugo.

Edificio O Garañón, en Lugo, cuxa demolición solicitan
Edificio O Garañón, en Lugo, cuxa demolición solicitan | Fonte: Europa Press.

Bourio xustificou dita acción no "atraso do xulgado do penal" nesta causa, iniciada por Pilar de Lara e que recae agora sobre outro xuíz. No procedemento permanecen imputados o exalcalde de Lugo Xosé López Orozco, e o exconcelleiro de urbanismo e exsecretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro.

"Imos meter unha demanda de reposición da legalidade e derriba (das torres) no xulgado do contencioso e esperamos tela feita esta semana e iniciar esoutra vía para seguir e ver se derrubamos isto dunha vez", subliñou.

As defensas de Orozco como de Besteiro pediron que se aparte da causa tanto a empresa Malleo como esta asociación, unha retirada do proceso que non contempla Bourio. "Estamos perfectamente lexitimados, en varias ocasións fixéronse intentos de apartarnos, pero somos lexítimos participantes no preito", subscribe.

Bourio incide en que, nesta nova fase, pedirán que "se derruben esas torres dunha vez, e se volva á situación inicial de antes de que se iniciasen aí os traballos".

O activista veciñal tamén aproveitou para alertar do "perigo" dese "esqueleto urbanístico", lembrando que "unha persoa caeu desde aí, e organízanse moitos botellóns ou se fan pintadas". "Vese un perigo grande aí, calquera día pasa unha desgracia pero iso xa non é responsabilidade nosa", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta