Desactivado o Plan Camgal despois de constatar a ausencia de restos de fuel na ría de Arousa

Os medios da Xunta que permaneceron en alerta nas últimas xornadas foron o buque Irmáns García Nodal e a patrulleiras Punta Falcoeiro e Punta Roncadoira.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2020 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

A Xunta, a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, desactivou o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) tras constatar a ausencia de contaminación na zona na que a semana pasada apareceu unha mancha de fuel nas proximidades da ría de Arousa, fóra da costa, entre Ribeira e a Illa da Rúa.

A Xunta tomou esta decisión unha vez que o seguimento realizado nos últimos días por distintas embarcacións do Servizo de Gardacostas e medios de Salvamento Marítimo do Estado finalizase sen atopar ningún resto de fuel nin novas manchas na zona. Previamente, o Goberno central xa desactivara o Plan Marítimo Nacional.

Os medios da Xunta que permaneceron en alerta nas últimas xornadas foron o buque Irmáns García Nodal e a patrulleiras Punta Falcoeiro e Punta Roncadoira. O seu traballo deu continuidade ao labor realizado a semana pasada, en coordinación con Salvamento Marítimo do Estado, para conter e eliminar a mancha de fuel e que contou coa participación tanto persoal do Servizo de Gardacostas como do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), que realizou un seguimento da mancha mediante aboias durante todo o operativo. A eles sumáronse tamén drones da Axencia Galega de Emerxencias para a inspección da área afectada.

O operativo na zona foi seguido desde o primeiro momento polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, mentres que o Intecmar pechou de maneira cautelar o único polígono de bateas que estaba aberto na zona, o Ribeira B, peche que foi levantado o pasado venres dado que a mancha finalmente non se achegou á contorna das bateas.

Mancha de fuel na ría de Arousa detectada o 13 de outubro de 2020. @DELGOBGALICIA
Mancha de fuel na ría de Arousa detectada o 13 de outubro de 2020. @DELGOBGALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta