Feijóo sobre as probas da Covid en farmacias: "teñen todo o sentido do mundo"

"É un cribado, non unha acción médica", insistiu. As farmacias ourensás alcanzan o milleiro de test e destacan a "acollida excelente" deste cribado. SATSE alerta de que poden converterse en focos de contaxio.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/10/2020 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considera que a decisión de o seu goberno de facultar ás farmacias de Ourense a facer cribados da Covid "ten todo o sentido do mundo" porque "é a primera vez que se fai un cribado a unha poboación de máis de 100.000 habitantes". 

Unha farmacéutica realiza un test de cribado do coronavirus en Barbadás.. Rosa Veiga - Europa Press
Unha farmacéutica realiza un test de cribado do coronavirus en Barbadás.. Rosa Veiga - Europa Press

Deste xeito respondeu o líder do PP galego ao ser preguntado por Galicia Confidencial sobre as críticas de colectivos sanitarios e sindicatos que rexeitan esta medida por intrusismo profesional e porque poden ter "consecuencias graves" para a saúde e crear "falsa sensación de seguridade" aos pacientes. "O que tentamos é manter salvagardados aos hospitais e, polo tanto, é lóxico utilizar outros resortes da saúde pública", respondeu.

Neste sentido, agradeceu a dispoñibilidade das farmacias a realizar estas probas. "Unha disposición que hai que felicitar", manifestou. "É un cribado, non unha acción médica", insistiu. Así, lembrou que se hai un positivo, pois entón "entra xa o Sergas que é o que fai as PCR", engadiu. "Non é nada excepcional que traballemos todos os operadores xuntos", defendeu.

PROBAS

As farmacias de sete municipios ourensáns que participan nun cribado de Covid-19 na provincia --Ourense, Barbadás, O Carballiño, Verín, O Barco, Boborás e O Irixo-- alcanzan o milleiro de test serolóXicos realizados, á vez que destacan a "acollida excelente".

Así o destacou, en declaracións a Europa Press, o presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense, Santiago Leis Vence, quen incidiu en que as farmacias participantes, medio centenar adheridas ata a data, "están a recibir moitas chamadas" para pedir cita para facer a proba. "Foi unha medida exitosa para axudar para loitar contra a pandemia", valorou o presidente dos farmacéuticos ourensáns, quen asegurou que as farmacias "colaboran moi activamente".

SATSE

Pola súa banda, o Sindicato de Enfermaría (Satse) alerta de que as oficinas de farmacia que realicen test para detectar o Covid-19 aos cidadáns da provincia de Ourense "poden converterse nun verdadeiro e preocupante foco de contaxio e transmisión do virus" ao, puntualiza, "coincidir en espazos pechados e con escasa ventilación natural, persoas sas con persoas presuntamente infectadas polo virus e con capacidade de contaxiar a outras nas mesmas farmacias, dada a falta de medidas de seguridade para realizar a proba nos devanditos espazos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta