Temas: TREN OURENSE BNG

O BNG denuncia que a supresión dun tren Avant supón "novos recortes" nos servizos ferroviarios de Ourense

"Estas son as consecuencias dun modelo de transporte ferroviario centralista en lugar de primar a conexión interior de Galicia, que carece hoxe dun tren de proximidade como si ten Catalunya ou Cantabria", incidiu a deputada Noa Presas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2020 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

O BNG denunciou "novos recortes" nos servizos ferroviarios de Ourense coa supresión dunha frecuencia no tren Avant que fai o percorrido A Coruña-Santiago-Ourense e que supón "unha nova volta de porca na discriminación da cidadanía da Cidade das Burgas".

A través dun comunicado emitido este xoves, a deputada Noa Presas demanda a "rectificación inmediata" da decisión, que se coñece despois de que o pasado mércores o pleno do Parlamento galego aprobase por unanimidade reclamar ao Goberno central a restitución dos servizos ferroviarios suprimidos por mor da crise do covid.

Deste xeito, censuran a eliminación do tren Avant que partía ás 11,40 horas da Coruña dirección Santiago, onde puña rumbo a Ourense ás 12,10 horas; e o servizo dos venres desde Santiago a Ourense ás 15,30 horas que reforzaba o servizo ante a "sobredemanda" polos movementos de estudantes.

A supresión deste servizo súmase, como lembra a parlamentaria nacionalista, ao do tren de primeira hora --06,45 horas desde Ourense-- e que facilitaba a chegada de estudantes e traballadores á capital galega cada mañá.

Así mesmo, Presas tamén pon o foco nos cambios de horarios, como o do tren que saía ás 12,10 horas de Ourense, que se adianta ás 11,45 horas, o que supón unha redución entre "o espazo entre o primeiro tren do día e os da tarde".

Outro dos servizos que sofre alteracións horarias é o das 18,00 horas, que pasa ás 17,05 horas, ou o tren que partía da Coruña ás 16,30 horas, que se adianta ás 15,30 horas.

Todo iso, segundo Presas, supón "un obstáculo en materia de oferta horaria en materia de oferta horaria para moitas persoas que estudan ou traballan e non van poder compasar ese adianto".

Así as cousas, a deputada critica que "chova sobre mollado" e que Renfe, Adif e Goberno central teñan como "único criterio" de actuación en materia ferroviaria en Galicia a conexión coa Meseta "pero nunca á conexión interna".

"Estas son as consecuencias dun modelo de transporte ferroviario centralista en lugar de primar a conexión interior de Galicia, que carece hoxe dun tren de proximidade como si ten Catalunya ou Cantabria", incidiu Presas, que tamén relaciona estas decisións como froito de "a progresiva privatización dun servizo que debe ser público e axudar ao desenvolvemento económico dunhas comarcas empobrecidas e con graves problemas de fixación de poboación como as ourensás".

A deputada do BNG, Noa Presas, nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG - Arquivo
A deputada do BNG, Noa Presas, nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Temas: TREN OURENSE BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Compre restituir o avant; pero Renfe non está privatizada, e Galicia ten unha moi boa conexión Coruña - Vigo en alta velocidade ( hoxe, por certo con menos servicios que antes da pandemia, que compre tamén restituir) que pon Coruña a 1 hora e quince minutos desde Vigo, e Santiago a 25 minutos de Coruña. Entre Ourense e Santiago, o tren e imbatible pola autopista, porque tarda media hora. Eiso, desde logo, non é nengunha consecuencia " dun modelo de transporte ferroviario centralista".