O alumnado de Enfermaría do campus de Ourense denuncia que se lle impón facer probas serolóxicas ao resto de estudantes

Denuncia as condicións nas que realizan as súas prácticas, sen cumprirse as medidas necesarias ante a COVID-19.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 22/10/2020 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

O alumnado de 4º de Enfermaría da facultade de Ourense acusou á Universidade de Vigo de imporlles a realización das probas serolóxicas a todo o campus e denunciaron as condicións nas que realizan as súas prácticas, sen cumprirse as medidas necesarias ante a COVID-19.

Test serolóxico de covid-19
Test serolóxico de covid-19 | Fonte: Europa Press.

Denuncian que se lles comunicou o martes aos alumnos de 4º Curso de Enfermaría que debían acudir os días 21, 22 e 23 de outubro a realizar o test de anticorpos IgM+IgG a todo o alumnado do campus de Ourense.

Segundo indican, "non se deu outra opción distinta á de acudir" e ter que substituír o seu horario lectivo de prácticas por unha actividade imposta, sobre todo ante as condicións nas que realizan esta formación práctica.

Os estudantes indican que durante semanas se lles recalcou "a importancia" de alongar "no máximo do posible" as horas de aprendizaxe nos Servizos Especiais asignados nesta rotación das Prácticas Clínicas IV, e mesmo recibindo advertencias de "extrema" puntualidade en canto a horarios e de suspensos por incumprimento.

"Por que agora se nos priva de tres días das mesmas? Por que saír ás 14:50 da nosa Unidade podería chegar a supor un suspenso mentres que o perder un total de 21 horas de prácticas obrigatorias se banaliza e obvia totalmente?", engaden.

Nesta liña, denuncian que os protocolos non se están cumprindo en determinadas ocasións, sobre todo nos vestiarios, e que tampouco se cumpren en absoluto "moitas das normas de seguridade como a distancia entre persoas que se esixe en calquera outro ámbito".

"Cada mañá máis de 60 alumnos, tanto de 3º como de 4º; xúntanse a menos de 50 centímetros de distancia para inmediatamente despois ter contacto directo con todo paciente e membro do persoal sanitario do Complexo Hospitalario".

Por todo iso trasladaron o seu "descontento" por esta medida, que carga sobre eles a responsabilidade co risco de exporse a un posible contaxio, á vez que chaman aos alumnos de Enfermaría a non participar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta