Comparte esta noticia

A perda parcial ou total do olfacto é un dos síntomas asociados á Covid-19, pero “até agora publicáronse moi poucos estudos con pacientes en idade pediátrica”, advirten investigadores galegos, que presentan os resultados dun traballo con menores no que aplicaron unha “nova ferramenta de detección olfactiva”.

Ilustración dixital do coronavirus
Ilustración dixital do coronavirus | Fonte: isglobal.org

O estudo, en preprint (pendente de revisión para a súa publicación nunha revista científica), atopou algunhas alteracións olfactivas nos menores infectados co virus SARS-CoV-2 –causante da Covid-19–, pero a prevalencia desta disfunción “é menor que a descrita en adultos, especialmente entre os máis pequenos”, explican.

Isto, proseguen, podería deberse, “quizais, ao desenvolvemento inmaturo dos receptores da encima convertedora de anxiotensina 2 (ECA2) expresados na mucosa nasal”, argúen.

Sábese que o SARS-CoV-2 se une áproteína ECA2 e que o feito de que os varóns sexan máis vulnerables que as mulleres á Covid-19 podería estar precisamente no feito de que os homes teñen niveis más elevados en sangue da encima convertedora de anxgiotensina 2, permitindo que o coronavirus infecte células sás.

Científicos da Johns Hopkins Medicine (Estados Unidos) tamén evidenciaron que o 'gancho' de células utilizado polo SARS-CoV-2 para adherirse e infectar as células é ata 700 veces máis frecuente nas células de soporte olfactivo que recobren o interior da parte superior do nariz que nas células de recubrimento do resto do nariz e a traquea que conduce aos pulmóns. Estas células de soporte son necesarias para a función/desenvolvemento das células sensibles ao cheiro.

Así pois, esa inmaturidade dos receptores da encima convertedora de anxiotensina 2 nos cativos podería ser unha sorte de barreira protectora para eles.

“Con todo”, explican os investigadores galegos sobre os casos analizados, “un mes despois da infección, recoñecéronse alteracións sutís (recoñecemento erróneo de cheiros) entre os nenos infectados” respecto aos non contaxiados. E foron precisamente os pacientes masculinos os que “mostraron alteracións significativamente maiores”.

En total, reclutaron 126 pacientes hospitalarios de entre 0 e 15 anos, incluidos 33 con infección por Covid-19. Dese total, 69 tiñan máis de 6 anos e, polo tanto, eran candidatos a realizar a proba olfactiva, baseada en sete olores.

Dos casos positivos en Covid-19, o 15% referiu disfunción olfactiva e/ou gustativa; todos eran maiores de 11 anos.

En canto ás diferenzas “sutís” sinaldas polos autores entre os infectados e non infectados, na proba de cheiro, os primeiros, de media, puideron recoñer tres olores, mentres que no segundo grupo –os non infectados– identificaron correctamente catro.

Máis detalladamente, describen que foi nos cativos infectados coa Covid-19 varóns e máis maiores –a partir dos 11 anos– nos que atoparon máis problemas co sentido do olfacto, presentando con máis frecuencia erros no recoñecemento de cheiros (identificación errónea).

“Os nosos resultados mostran porcentaxes de identificación xeral máis altos para cada cheiro en nenos sans en comparación cos infectados. Ademais, os nenos sans recoñeceron unha maior cantidade media de cheiros na proba”, explican.

Nos contaxiados coa Covid-19, proseguen, “a diferenza do descrito en adultos novos”, o problema olfactivo “referiuse como o primeiro ou único síntoma de infección”. E “a duración das alteracións foi menor que a descrita en adultos”.

Os investigadores consideran que a proba olfativa aplicada pode ser unha ferramenta de cribado “fácil de realizar e apta para cativos maiores de seis anos”.

O traballo está asinado por especialistas do Departamento de Pediatría do Hospital Álvaro Alvaro Cunqueiro de Vigo, da Unidade de Metodoloxía e Estatística do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (UIC-IISGS) e do Departamento de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta