Xabón hidroalcohólico con leite de burra 'made in' Allariz

A Asociación ANDREA, en colaboración co Concello de Allariz, presenta o seu primeiro Xabón Hicroalcohólico. Trátase dun novo produto da súa coñecida marca "Xabón d'Allariz", emprega o leite de burra e faise en San Salvador dos Penedos.

Por X.M. Fernández | Allariz | 23/10/2020 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Xabón D´Allariz dá a coñecer o primeiro Xabón Hidroalcohólico que xunta a acción desinfectante do alcohol coa eficacia do xabón para desactivar o virus. E non só iso, este novo produto destaca tamén polas súas propiedades dermatolóxicas. Grazas ao leite de burra, hidrata e nutre a pel, e ao estar enriquecido con manteiga de karité, actúa como rexenerador e reparador da pel.

Bernardo Varela, Elsa Pérez e María López na presentación do Xabón D' Allariz hidroalcohólico. Foto: Prensa Allariz Bernardo Varela, Elsa Pérez e María López na presentación do Xabón D' Allariz hidroalcohólico. Foto: Prensa Allariz
Bernardo Varela, Elsa Pérez e María López na presentación do Xabón D' Allariz hidroalcohólico. Foto: Prensa Allariz Bernardo Varela, Elsa Pérez e María López na presentación do Xabón D' Allariz hidroalcohólico. Foto: Prensa Allariz

Despois de máis de 15 anos despregando a súa actividade en San Salvador dos Penedos, a Asociación ANDREA presenta así o seu 10º xabón, un xabón hidroalcohólico que, segundo explican os seus creadores, ten unha dobre acción:

-Por unha banda, o XABÓN ten a capacidade de disolver a membrana graxa do virus perdendo este a capacidade de adherirse ás células e infectalas. Desta forma o virus vólvese inactivo e é arrastrado pola auga de lavado.

-Doutra banda, o ALCOL é quen de inutilizar as proteínas da envoltura vírica. A súa acción provoca que o virus quede inactivo porque é incapaz de penetrar nas células. É efectivo fronte aos fungos e fronte calquera virus con envoltura, como os da gripe ou o actual coronavirus.

Segundo palabras de Elsa Pérez, representante da entidade“a hixiene de mans é a principal vía para evitar o contaxio de COVID-19. Con todo o lavado constante das mans pode facer que as mans estean máis secas do normal, ásperas e mesmo pode aparecer irritación cutánea, é dicir, prurito ou sensación de ardor na pel. Por todo isto o novo Xabón D´Allariz Hidroalcohólico é perfecto para que as mans se manteñan en boas condicións”.

O Xabón D´Allariz Hidroalcohólico comezará a comercializarse este sábado 24 de outubro no Mercado da Reserva da Biosfera de Allariz e a partir da semana que vén nos punto de venda habituais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GalegON

O 'dous en un' da desinfección jejejeje