Por Europa Press / Redacción | Barcelona | 25/10/2020 | Actualizada ás 12:49
Esquerra Republicana (ERC) leva o martes ao Pleno do Congreso unha proposición de lei para derrogar os artigos do Código Penal que contemplan penas de prisión polo delito de inxurias á Coroa e de ultraxes a España, como a queima de bandeiras.
ERC rexistrou esta iniciativa o pasado mes de agosto tras coñecerse que a Fiscalía da Audiencia Nacional estaba a examinar unha denuncia contra o vicepresidente da Generalitat de Cataluña, Pere Aragonès, de ERC; a líder de Adiante Andalucía, Teresa Rodríguez; e a presidenta do BNG, Ana Pontón, por posibles inxurias á Coroa tras os seus respectivos comentarios ao coñecerse a marcha de España do Rei emérito. A denuncia arquivouse.
E tamén unhas semanas antes, en xullo, o Goberno comunicara ao Consello de Dereitos Humanos da ONU a súa intención de "levar a cabo unha revisión dos delitos de inxurias á Coroa", e tamén dos delitos contra os sentimentos relixiosos recollidos no Código Penal, ambas as recomendacións xurdidas do exame periódico universal (EPU).
Agora os independentistas cataláns decidiron levar esta iniciativa ao Pleno para forzar ao PSOE a pronunciarse sobre a urxencia desta reforma, que tamén defende Unidas Podemos. A Cámara terá que decidir se adianta a reforma utilizando o texto dos de Gabriel Rufián.
O Grupo Parlamentario ERC-EH Bildu xa rexistrou o pasado mes de marzo no Senado esta mesma iniciativa no medio da polémica que rodeaba á Casa Real polas presuntas irregularidades cometidas polo Rei emérito Juan Carlos I, investigación que asumiu a Fiscalía do Supremo o pasado mes de xuño, e que agora rexurdiu tras a decisión deste de trasladar a súa residencia fóra de España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.