Ábalos compromete "o mesmo peso orzamentario" para o Corredor Atlántico e o Mediterráneo

O ministro promete tamén "eliminar o agravio" das peaxes da AP-9.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/10/2020 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O Corredor Atlántico, que involucra a Galicia, Asturias e Castela e León, terá "o mesmo peso" que o Mediterráneo nos Orzamentos Xerais do Estado de 2021 que o Goberno aprobará este martes. Así o anunciou o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, este luns durante a inauguración do tramo de Alta Velocidade entre Zamora e Pedralba de la Pradería, da liña de alta velocidade Madrid-Galicia.

Ethel Vázquez, no acto deste luns co ministro Ábalos
Ethel Vázquez, no acto deste luns co ministro Ábalos | Fonte: Xunta.

Este plan vertebrador do noroeste recibirá, segundo adiantou Ábalos, "un impulso investidor" equiparable ao ideado para o leste peninsular. "Este Goberno non está por crear máis focos de conflito entre territorios e por iso decidimos apoiar ambos os corredores co mesmo peso orzamentario", manifestou o ministro de Fomento.

Así mesmo, Ábalos defendeu que o Goberno quere "atender as necesidades reais dos territorios" e por iso decidiuse por "priorizar este eixo atlántico do mesmo xeito que se fará co mediterráneo".

Neste sentido, anunciou unha mellora das conexións ferroviarias e por estrada en diferentes cidades das tres comunidades autónomas, así como a "eliminación do agravio que moitos galegos sofren coas peaxes da AP-9".

Nos 28 meses de Goberno en coalición de Partido Socialista e Unidas Podemos, o Estado investiu entre Galicia, Asturias e Castela e León "un total de 2.830 millóns de euros, duplicando o peso demográfico destas rexións", expresou o ministro.

PETICIÓN DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta solicitou ao Goberno central que aposte polo corredor atlántico "como motor para unha reconstrución equilibrada".

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que participou na posta en servizo do tramo de alta velocidade, subliñou que un noroeste "máis vertebrado e competitivo é un activo ao servizo do progreso e benestar do conxunto estatal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta