Feijóo ve "demoledor" un estado de alarma que "se carga o consumo en Nadal e pecha Semana Santa"

O presidente da Xunta insiste en que sería necesario adaptar a lei orgánica de saúde.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/10/2020 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cargou este luns contra a fórmula elixida polo Goberno que dirixe Pedro Sánchez para a xestión da pandemia e, tras insistir en que sería necesario adaptar a lei orgánica de saúde, advertiu que o estado de alarma é "demoledor" para España.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a Conferencia de Presidentes
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a Conferencia de Presidentes | Fonte: Xunta.

"Lamentámolo, pero cremos que nos estamos equivocando", sentenciou tras a reunión da Conferencia de Presidentes, centrada na repartición dos fondos europeos de reconstrución.

Tras as novas decisións adoptadas a nivel estatal, Feijóo advertiu que, ao seu xuízo e "probablemente sen pretendelo", o Goberno está "a xerar alarma e desconfianza" ao decretar o estado de alarma e suxerir que se prolongará ata maio. Todo iso, acompañado dun "toque de queda" para o conxunto do país.

O presidente galego ve inexplicable que "hai dúas semanas" as autoridades sanitarias estatais apuntasen que España se atopaba nunha situación de "estabilidade" e este domingo se adopten medidas que vinculou cun "estado de excepción". Ao seu modo de ver, terán un efecto "demoledor" para a economía e a reputación internacional do país.

"Puxemos en cuestión o Nadal e tamén a Semana Santa dando un pau durísimo a todo o sector turístico e hoteleiro", indicou o presidente, quen insistiu en que se podería xestionar "igual" e "sen tanto alarmismo" a pandemia cunha lexislación adecuada, que volveu a insistir en articular.

"É un pau enorme ás expectativas de reconstrución da nosa economía e un pau sen precedentes ao sector hoteleiro e de servizos. É non só cargarse o consumo en Nadal, senón pechar a Semana Santa", lamentou.

UNHA PANDEMIA "ENTRE ANO E MEDIO E DOUS ANOS"

Ao fío diso, Feijóo reiterou que está "a favor" de implantar restricións horarias "con criterios epidemiolóxicos", pero "non a favor de utilizar estados de excepción ata o mes de maio", posto que a pandemia "vai afectar a España entre ano e medio e dous anos, como mínimo".

Con todo, Feijóo si recoñeceu que, ao non acometerse esta reforma, sen o estado de alarma as comunidades "non poden xestionar a pandemia". "Iso é incuestionable", recalcou, para seguidamente insistir en que "é imprescindible" cambiar a normativa sanitaria.

Por isto mesmo, cre que os presidentes que solicitaron a súa activación desde o pasado venres foron "acantoados" para facelo, "dado que non podían xestionar a pandemia" doutra forma. Isto é, nas súas palabras, un "abandono de funcións sen precedentes" por parte do Goberno de España, posto que "non o activou" se non llo pedisen.

OS PAÍSES EUROPEOS

Preguntado sobre os mecanismos legais doutros estados europeos, xa que Francia e Italia volveron aos seus respectivos estados de emerxencia na segunda onda e Portugal fixo o propio co estado de calamidade, Feijóo dixo "descoñecer o contido e alcance" da lexislación do resto de países.

"Hai países que activan o seu estado de alarma e, aínda que se parezan na forma ou na denominación, non teñen a mesma excepcionalidade constitucional como en España", subliñou, aínda que admitiu que "non coñece a estrutura constitucional da República francesa nin da República italiana. Iso si, apuntou cara a Arxentina, que "leva sete meses en estado de alarma", para alertar sobre "como lle vai" --en sentido negativo-- á economía do país latinoamericano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta