A Xunta quere coñecer os criterios de repartición dos fondos europeos antes de que sexan outorgados

Feijóo di que non quere outro Plan E como o do presidente Zapatero que só "serviu para ocultar a situación de España" no medio dunha crise.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2020 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expuxo ante o xefe do Executivo, Pedro Sánchez, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a necesidade de coñecer "a priori" os criterios de repartición do fondo de reconstrución e que as comunidades autónomas poidan "participar" na súa "definición".

Así o defendeu o mandatario galego durante a XXIII Conferencia de Presidentes, na que, ademais de Sánchez e Von der Leyen, participou o alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero.

Durante a rolda de prensa posterior a este encontro telemático, Feijóo explicou a postura trasladada desde Galicia, que pasa por establecer "criterios claros e xustos". Neste sentido, o presidente da Xunta insistiu en que "non cabe" unha repartición "por cotas, nin por poboacións territoriais, nin á carta, nin en base a criterios políticos ou partidistas", senón que deben ser "transparentes".

En concreto, Feijóo propuxo que a repartición das axudas "debe ter en conta a situación obxectiva de cada territorio e a súa necesidade de reformas estruturais". Isto é, con discriminación positiva cara a áreas "con fallos de mercado", como a dispersión da poboación, a demografía, a transición industrial, a porcentaxe de poboación rural e ter un nivel de renda per capita por baixo da media europea.

Ademais, solicitou que os proxectos --un total de 108 desde Galicia que prevén mobilizar uns 9.400 millóns de euros-- sexan "de economía de futuro", non "cortopracistas, e que accedan ás contías en "concorrencia competitiva, sen arbitrariedade".

En resumo, o que quere Feijóo é "non repetir o "Plan E'" do expresidente Zapatero no 2008, porque "só serviu para ocultar a situación de España" no medio dun panorama de crise financeira.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a XXIII Conferencia de Presidentes.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a XXIII Conferencia de Presidentes.. XUNTA | Fonte: Europa Press

FEIJÓO CONVIDA A VON DER LEYEN VISITAR GALICIA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convidou este luns á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a visitar Galicia durante o próximo Ano Santo 2021.

Fíxoo durante a XXIII Conferencia de Presidentes, na que participaron todos os líderes autonómicos e, ademais de Von der Leyen, o xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, e o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, para abordar a repartición dos fondos europeos de reconstrución.

Na rolda de prensa posterior ao encontro telemático, Feijóo desvelou que convidou á mandataria comunitaria á Comunidade. "Espero que a presidenta poida visitarnos e ver que a rehabilitación da Catedral de Santiago, aínda que non contou con fondos europeos e si con fondos estatais e autonómicos, é un proxecto de investimento de calidade", engadiu.

De feito, o presidente da Xunta dixo que "entende" que proxectos como este "é o que pide a Unión Europea" para que os estados membros e as comunidades autónomas "xestionen con calidade" os fondos comunitarios.

Non en balde, Feijóo tamén lembrou a Von der Leyen que xa tivo "a honra" de recibir na capital galega á chanceler alemá, Angela Merkel, no verán do 2014.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta