A Xunta anuncia que pechará Santiago este venres se a situación sanitaria non mellora

Xustifica a medida aludindo á alta incidencia da capital e á mala situación dos concellos limítrofes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2020 | Actualizada ás 10:59

Comparte esta noticia

A Xunta decretará o peche perimetral de Santiago de Compostela o vindeiro venres no caso de que a situación sanitaria non mellore. Pese a que a capital vén de suavizar o número de contaxios rexistrados por día -na actualidade é a área de Vigo a máis afectada-, a Consellería de Sanidade non pecha a porta a confinar Santiago no caso de que o virus non free o seu espallamento.

Catedral de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Catedral de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo

Dende a Xunta sinalan que a incidencia da capital supera con certa marxe a media galega, xa que a 7 e 14 días se situou en 210 e 349 casos. Por outro lado, Sanidade valora tamén o mal estado dos municipios limítrofes, en particular Ames e Teo, que ao igual que a capital permanecen en máxima alerta no mapa que publica diariamente a Consellería de Sanidade.

O peche de Compostela uniríase así ás restriccións que xa existen no tocante a reunións sociais, limitadas ás persoas conviventes. A medida será valorada nunha reunión do comité clínico prevista para o próximo venres. Nela terase en conta a evolución dos datos da covid nos días desta semana. O anuncio do peche, no canto de desenvolverse por fontes oficiais, vén de ser adiantado por La Voz de Galicia. 

DATOS COVID

O anuncio da Xunta coincide coas xornadas nas que o SERGAS vén de anunciar as cifras de contaxio máis baixas dos últimos días para a área de Santiago. Neste mércores, mentres Galicia se aproximaba de novo ós 700 positivos diarios, a área de Santiago e Barbanza rexistrou tan só 86 contaxios.

Nun senso paralelo, o número total de contaxios non sitúa a área de Santiago de Compostela como a máis afectada de Galicia. É Vigo a que se sitúa á cabeza logo de superar este mércores os 1.500 contaxios tras sumar por segundo día consecutivo máis de 100. Séguea Ourense, con 1.414, logo A Coruña e Cee (1.285) e, finalmente, Santiago e Barbanza, que rexistran un total de 1.186. Por debaixo sitúanse Pontevedra, con apenas 785, Lugo, 743, e Ferrol: 620.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta