Centos de persoas claman en Santiago contra as restricións e piden un plan de rescate para a hostalaría

Advirten de que o 30% dos locais encamíñanse ao peche definitivo na cidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2020 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A hostalaría compostelá toma as rúas en defensa do sector. Centos de persoas concentráronse e manifestáronse en Santiago para denunciar as consecuencias das restricións que sofren estes locais e o escenario crítico ao que ven sometidos e para reclamar á Xunta que impulse un plan de rescate, con medidas de apoio específicas que permita sacar a estes negocios dunha situación "límite".

Os responsables destes locais insisten en que non son un problema, senón "parte da solución" e apelan a que o sector representa preto do 20 por cento do PIB galego e vese sometido a medidas "desproporcionadas", a pesar de que o Ministerio de Sanidade reduce os brotes en locais de lecer a un 2,1% do total e ao 4,7% dos casos activos.

O sector concentrouse sobre as 11,00 horas na Praza do Obradoiro compostelá, cun cumprimento escrupuloso da normativa e das medidas de distanciamento interpersoal. Os actores Federico Pérez e Patricia Vázquez puxeron voz ao manifesto e ás reivindicacións dos negocios composteláns, que denuncian a situación "insustentable" na que se atopan. De feito, e tal e como apuntaron nunha reportaxe no GC, moitos deles aseguran que "non chegarán vivos ao 2021".

Os traballadores e representantes destes negocios reclaman diálogo e que a Asociación de Hostalaría e do lecer nocturno poida estar nos foros nos que se debate e se discute sobre o sector e censuran que "non existe un plan de rescate, máis aló de anuncios improvisados que non se concretan", da man do Goberno galego.

Neste sentido, denuncian a "criminalización" á que ven sometidos, do mesmo xeito que noutros sectores da sociedade, a pesar de que Galicia é o terceiro territorio pola cola en número de casos por 100.000 habitantes e de que a súa actividade estivo marcada polo cumprimento "escrupuloso" das medidas de seguridade, como demostra a "práctica inexistencia de sancións que existen".

MEDIDAS DE SEGURIDADE

De feito, a seguridade marcou completamente a protesta. A marcha saíu do emprazamento con filas totalmente organizadas polas propias entidades convocantes, e que estiveron vixiantes durante todo o traxecto da manifestación. A comitiva estivo composta por centos de traballadores e caras coñecidas dos locais e negocios da capital galega, tanto do lecer nocturno como da propia restauración.

En declaracións aos medios, Lois López, da directiva da Asociación Hostalaría Compostela, calculou o apoio do sector na manifestación entre 1.500 e 2.000 persoas e reivindicouno para evidenciar o rexeitamento ás medidas "desproporcionadas" que sofren, as mesmas que outros territorios que contan cunha incidencia acumulada "que triplica" a galega.

En todo caso, "se esas medidas son as que teñen que ser e se non hai outra maneira de combater á pandemia", advertiu, deben acompañarse dun plan de rescate económico para que estes negocios poidan afrontar os gastos fixos e non se vexan obrigados a decretar o peche.

Respecto diso, asegurou que os cálculos que manexan indican que o 30 por cento dos establecementos veranse obrigados a "pechar definitivamente" no caso de que non existan estas axudas, necesarias para "poder seguir mantendo estes negocios".

APOIAR AOS PREXUDICADOS

A marcha contou, á súa vez, co apoio dos diferentes grupos políticos da corporación compostelá e coa presenza do rexedor local, Xosé Sánchez Bugallo. O alcalde trasladou o seu respecto ao cumprimento da normativa, unha cuestión que non é "contraditoria" coa necesidade de que se impulsen medidas para aqueles sectores que "ven gravísimamente afectados" pola execución destas restricións e que están en situacións "moi precarias", ao ter que seguir asumindo o pago de alugueres e impostos, entre outros.

Manifestación do sector da hostalaría e do lecer nocturno en Santiago de Compostela
Manifestación do sector da hostalaría e do lecer nocturno en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta