Desestimados os recursos contra o peche da investigación do accidente do Alvia

O xuíz volveu pechar a causa en setembro co maquinista e o exdirector de Seguridade na Circulación de Adif como únicos imputados.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/10/2020 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, cuxo titular é Andrés Lago Louro, desestimou os recursos de reforma interpostos contra o auto que ditou a finais do mes de setembro e no que dá por pechada a investigación do accidente do tren Alvia, rexistrado en Angrois o 24 de xullo de 2013.

Accidente de Angrois en Santiago de Compostela
Accidente de Angrois en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

No auto recorrido, o xuíz ordena que a causa se siga contra o maquinista do tren, Francisco José Garzón, e Andrés Cortabitarte, quen era director de Seguridade na Circulación de Adif no momento de posta en funcionamento da liña, por se os feitos que lles imputa fosen constitutivos de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e de 144 de lesións por imprudencia grave profesional.

Nun auto difundido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o maxistrado explica que as últimas investigacións, realizadas tras a declaración dun extécnico de Talgo que dicía ver como uns responsables da empresa ordenaban o borrado de rexistros, carecen de relevancia.

Así, o instrutor recalca que "non existe o máis mínimo indicio de que o tren non estivese en condicións de circular, nin o máis mínimo indicio de que os defectos aos que alude o extécnico existisen ou non fosen arranxados antes de saír o tren e, menos aínda, do pretendido borrado informático".

En canto á imputación do director de Seguridade na Circulación de RENFE cando sucederon os feitos, solicitada pola Plataforma Vítimas do Alvia 04155, o xuíz asegura que a súa responsabilidade "se cingue ao material rodante e á formación do maquinista", aspectos nos que "non consta que tivese incorrido en incumprimento normativo e/ou técnico algún".

O maxistrado subliña que a Dirección de Seguridade na Circulación de Renfe "cumpriu co seu labor, que non era outro que habilitar un material rodante tecnicamente adecuado e pór aos mandos do mesmo a un maquinista debidamente formado e dotado das habilitacións profesionais legalmente esixibles".

"UNHA INCORRECTA VALORACIÓN DO RISCO POR FALLO HUMANO"

O instrutor descarta que no sinistro "tivese tido incidencia un posible defecto do material rodante, da documentación do tren ou da formación e/ou habilitación do maquinista".

"O único elemento que puido contribuír causalmente ao sinistro, ademais da imprudencia do propio maquinista, é unha incorrecta valoración do risco por fallo humano vinculado á infraestrutura da vía e, máis concretamente, ao subsistema de control, mando e sinalización, pero a xestión dese risco compete en exclusiva a Adif", entende o xuíz, quen indica que, en caso de fallo humano, "realmente non existía unha segunda barreira de seguridade". A quen lle competía avaliar ese risco e adoptar as medidas necesarias, segundo o auto, era a Adif.

O instrutor tamén rexeita imputar ao xerente da área de Seguridade na Circulación do Noroeste de Adif. "É evidente que máis aló da denominación do seu cargo, carece de competencia algunha no ámbito da avaliación de riscos", apunta o xuíz, quen sinala que non figura "en ningún dos documentos vinculados á seguridade na circulación e avaliación de riscos".

A IMPUTACIÓN DO MAQUINISTA, XUSTIFICADA

Con respecto ao recurso presentado polo maquinista contra a súa imputación, o maxistrado argumenta que está xustificada porque "incumpriu a súa obriga esencial: respectar o cadro de velocidades máximas, e iso xerou un resultado catastrófico".

O instrutor sinala que o feito de que outros responsables de ADIF "incumprisen tamén presuntamente a súa obriga de realizar unha correcta avaliación dos riscos que puidese comportar melloras na infraestrutura ou no subsistema de control, mando e sinalización, non exclúe a responsabilidade do maquinista nin o exonera da súa presunta responsabilidade na causación do sinistro".

Así, argumenta que se tivese respectado o cadro de velocidades "o accidente non se tería producido".

Ademais dos recursos de reforma, que son os que se resolven no auto notificado hoxe, algunhas das partes implicadas no procedemento presentaron recursos de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña. Por iso, o xuíz instrutor acordou non tramitar os escritos de acusación ata que o auto de peche da investigación sexa firme.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta