O Sergas aumentou un 3% os gastos en concertos en 2018 e Contas avisa de casos sen soporte contractual "adecuado"

O Consello de Contas lamenta que "non se apreciaron avances destacables" respecto das recomendacións de 2017.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/10/2020 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

O gasto en concertos do Sergas aumentou un 3% en 2018 en comparación co ano anterior, ata sumar 208 millóns de euros. Así figura no informe de fiscalización do Consello de Contas no que volve recomendar regularizar os casos que "se manteñen no tempo" sen "soporte contractual adecuado", así como sen xustificar a súa urxencia.

Este venres, o conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, entregou ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, diversos informes entre os que está o de análise da Conta Xeral do Servizo Galego de Saúde de 2018, o cal recolle que a actividade concertada supón o 5% do "gasto real" do Sergas.

Así, apúntase á natureza "estrutural" de forma xeral dos concertos que teñen a súa orixe en procedementos negociados para a ordenación de servizos asistenciais.

O feito é que "hai determinados servizos nos que non se emprega ningunha fórmula contractual", senón que "se recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso, e na maior parte dos casos non se acreditan as necesidades urxentes que se pretenden atender, limitándose a enumerar servizos necesarios".

Con todo, Contas recoñece que hai "esforzos" por parte da Xunta para establecer correccións este exercicio. Apunta que "se continúa" na regularización dos concertos tanto da Coruña como de Lugo, "pero só para asistencia sanitaria e hemodiálisis".

DOTACIÓNS "INSUFICIENTES"

No seu informe de 2018, o Consello de Contas lamenta que "non se apreciaron avances destacables" respecto das recomendacións de 2017.

Así, reproba que as dotacións iniciais que marca o Sergas nos seus orzamentos "son insuficientes" para "poder garantir o cumprimento do principio de orzamento limitativo que debe presidir a xestión do organismo".

Aínda que ve que o resultado "axustado" do exercicio evidencia a suficiencia de recursos para atender os gastos, chama a atención sobre o "desaxuste estrutural" entre gastos e recursos que pon de manifesto "as dificultades para establecer medidas estables de financiamento".

Aquí, ponse o foco sobre que se recorra ao fondo de continxencia para a cobertura de gastos do Sergas con "carácter previsible", no que ve un "elemento distorsionador" sobre o que Contas avisou "de forma recorrente" en pasados exercicios.

Así mesmo, a contía que Galicia destina a gasto sanitario "é moi superior" á que establecen os seus orzamentos iniciais, cun financiamento adicional de 209 millóns --por maior capacidade de endebedamento e remanentes non executados doutros departamentos--.

Por todo iso, a primeira recomendación que fixa Contas é que "deben establecerse condicións que posibiliten un sistema estable de financiamento, así como medidas rigorosas para o seu cumprimento", á vez que as modificacións orzamentarias "deben reducirse ás estritamente necesarias para non desvirtuar o seu carácter excepcional".

O gasto farmacéutico ascendeu a 1.211 millóns, un 4% máis. Supón o 30% do Sergas. O 62% correspóndese con receitas médicas e o 38% co consumo de produtos farmacéuticas do propio Servizo Galego de Saúde.

OUTRAS RECOMENDACIÓNS

Outras recomendacións que realiza o órgano fiscalizador pasan por "regularizar e depurar" os dereitos recoñecidos pendentes de cobro e as obrigacións de pago que se arrastran de pasados exercicios, "en especial os de maior antigüidade".

No que se refire a redistribucións, a pesar de que se reduciron nun 79%, "seguen sendo excesivas e evidencian deficiencias na elaboración dos orzamentos de cada EOXI".

Tamén empraza a actualizar os documentos de relación entre o Sergas e as entidades dependentes, así como a aprobarse os contratos de xestión para as axencias.

Xunto a isto, apunta que tres fundacións de investigación sanitaria (Ingo, Xenómica e F061) continúan sen render contas.

Ademais, o organismo segue sen implantar un sistema integral de contabilidade "tal e como esixe o Plan Xeral de Contabilidade Pública de Galicia", ao que se unen as "debilidades" na eficacia de obxectivos.

FUTUROS EXERCICIOS

De face a futuros exercicios, hai comprometidos a 31 de decembro de 2018 créditos por valor de 2.146 millóns de euros, un 5% máis respecto ao anterior ano.

Absorben o 61% destes compromisos a construción do novo hospital de Vigo, o contrato da central loxística, o contrato para cubrir as necesidades de probas diagnósticas e o contrato para a xestión de espazos do CHUO.

As autorizacións de gasto con cargo a exercicios futuros derivados do plan de financiamento das universidades galegas non figuran debidamente contabilizadas.

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e o conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo. PARLAMENTO
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e o conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta